Roberto Verino, 40 anos dun estilo sinxelo, funcional e único
Verino expresou que "hai un ADN que caracteriza" o seu traballo, que é "o impacto das mulleres"

A Fundación Luís Seoane da Coruña acolle desde esta mañá a exposición '40 anos de estilo Verino'.
Con esta retrospectiva fotográfica, que inclúe as mellores imaxes das grandes campañas de Verino, o modista celebra o 40 aniversario da súa marca.
A exposición é un resumo visual do camiño percorrido por Roberto Verino nas últimas catro décadas.
Son 40 fotos, de difícil selección, que intentan homenaxear as mulleres que o acompañaron neste tempo e transmitirlle ao público quen é a muller Verino e o seu estilo.
A retrospectiva quere transmitir un xeito de entender a moda a través de pezas que te acompañan porque non pasan de moda e acaban formando un armario emocional porque recorda os momentos en que as levaches.
Verino e o "impacto das mulleres"
Roberto Verino, visiblemente emocionado, destacou ante un centenar de asistentes que "hai un ADN que caracteriza" o seu traballo, que é "o impacto das mulleres".
Definiuse como "un defensor desas mulleres" que cando empezou "defendían uns valores" que coinciden cos seus, como a "liberdade".
"As mulleres empuxástesnos", dixo antes de asegurar que "sen esas mulleres libres, poderosas e capaces de gozar, mulleres empoderadas", non sería posible a súa obra.
Grazas a elas, segundo dixo, realizou un traballo en que tenta facer pezas "para que as mulleres e homes sentan ben consigo mesmos", debido a que "se senten guapos, teñen un potencial".
"Tento facer pezas para que as mulleres e homes as gocemos. Busco ser iso: sinxelo, funcional e, sobre todo, buscando na calidade que as pezas acaben durando o suficiente para que os investimentos que se fai nelas signifique moito máis", resumiu.
Tras esta parada na Coruña ata o 25 de setembro, a exposición vai ir a outras 10 cidades españolas durante este ano e o que vén.