Risco de que se dispare un mísil por accidente nunha fragata danesa
Un fallo técnico no sistema de mísiles a bordo obriga a pechar o estreito Gran Belt

O Exército danés informou este xoves de que un problema técnico cun sistema de mísiles a bordo da fragata Niels Juel obrigou a pechar á navegación o estreito marítimo de Gran Belt, un dos tres que conectan o mar do Norte co Báltico.
Ata que se resolva o problema, "existe o risco de que poida ser lanzado un mísil que voe a varios quilómetros de distancia", anunciou o Exército nun comunicado.
En marzo pasado empezaron unhas manobras da mariña na zona que deben terminar este venres.
Nun comunicado das Forzas Armadas danesas explícase que o problema co mísil xurdiu durante "o test obrigatorio no que a lanzadeira se activou e non puido ser desactivada".
Segundo o Ministerio de Defensa danés, o mísil foi preparado de tal maneira que non hai perigo de explosión no caso de que se dispare e caia no mar.
"Só se activou a lanzadeira durante a proba. Por iso non hai perigo de que o mísil poida explotar ou chegar máis lonxe de que o que pode elevar a lanzadeira", consta no escrito.
As autoridades estiman que a zona de perigo esténdese entre 5 e 7 quilómetros desde a base marítima de Korsør (sueste), onde está amarrada a fragata, e ata unha altura duns 1.000 metros en dirección sur e non na da ponte situada sobre o estreito e que une as illas de Selandia e Fionia.
"Os especialistas están de camiño para solucionar o problema", informou o Exército, que non deu máis detalles sobre posibles prazos.
A Autoridade Marítima avisara minutos antes aos barcos que navegaban pola zona do risco de caída de fragmentos de mísiles e aconsellaron que botasen a áncora se fose necesario.
"Tanto a Policía como a Autoridade Marítima foron informadas e os barcos que se dirixen á zona foron advertidos e pedíuselles que esperen a que se solucione o problema", sinalou o Exército.