Os hutís do Iemen atribúense un ataque contra o aeroporto de Tel Aviv
Lanzaron un mísil balístico no recinto da terminal por primeira vez en máis dun ano e medio de ofensiva israelí en Gaza

Os xiítas hutís do Iemen atribuíronse o ataque deste domingo cun mísil balístico que impactou -por primeira vez en máis dun ano e medio de ofensiva israelí en Gaza- na zona do aeroporto de Tel Aviv e feriu de xeito leve seis persoas.
Os rebeldes "levaron a cabo unha operación militar tendo como obxectivo o aeroporto de Ben Gurión, na ocupada Yafa, cun mísil balístico hipersónico", indicou nun comunicado o voceiro militar dos rebeldes, Yahya Sarea.
Asegurou que a operación foi un éxito e advertiulles ás aeroliñas internacionais que o aeroporto hebreo "non é seguro" para o tráfico aéreo. Tamén subliñou "o fracaso dos sistemas de interceptación estadounidenses e israelís".
Sarea, que se declarou autor doutro ataque con dron lanzado este sábado contra Ashkelon (ao sur de Tel Aviv), asegurou que "seguirán manténdose firmes e decididos fronte á agresión estadounidense".
Igualmente, indicou que non abandonarán o seu "deber relixioso, moral e humanitario cara ao oprimido pobo palestino, independentemente das repercusións, ata o cesamento da agresión contra Gaza e ata que se levante o asedio".
Reacción xudía
Israel confirmou o ataque e o seu ministro de Defensa, Israel Katz, foi tallante na reacción.
"Quen nos fai dano, recibirá sete danos".
A Policía hebrea completou a avaliación dos datos xunto coas axencias de rescate e emerxencia.
"Despois de avaliar a situación e de acordo coa revisión recibida, instruíu realizar un escaneo operacional e logo reabrir o tráfico de aeronaves, ademais de continuar coa circulación de trens e abrir as rutas cara á terminal", dixo.