Nove familias de Vigo viven con preocupación a expropiación do edificio onde residen
Aseguran que non recibiron notificación oficial ningunha e temen quedar na rúa
Din que os cartos que lles ofrecen non chegan para mercar outra vivenda
Hugo Pérez López naceu nun piso do número 36 da rúa Santa Marta de Vigo hai 68 anos. Agora teme ter que abandonar a casa en que viviu toda a vida: "Somos nove propietarios, pero en total 40 persoas que vivimos aquí. Queremos solucións e non que nos boten, con poucos cartos e sen ter onde ir".
Non é o único, a nai de Carmen Baluja Araújo foi vivir a ese mesmo edificio aos doce anos. Agora, con 92, non quere deixar unha vida de recordos e onde criou os seus tres fillos: "O piso é da miña nai. Quere vivir nel ata que morra. Quere morrer na súa casa, coas súas cousas e os seus recordos".
En total, nove familias dese edificio da rúa Santa Marta viven con preocupación a expropiación do inmoble, afectado agora pola construción do proxecto do Barrio do Cura. A comunidade de propietarios mesmo propuxo un bosquexo en que non era necesario derrubar o edificio.
"Soubemos pola prensa que se aprobou inicialmente a expropiación, pero non temos comunicación oficial", replica Hugo. Preocúpalles que as indemnizacións que reciban non lles permitan acceder a outras vivendas. "Dannos entre 90.000 e 140.000 euros e con iso non podemos ir a ningún lado", lamenta este veciño.
Carmen Baluja Araújo reclama "que non deixen nove familias na rúa. Polos cartos que nos dan non se consegue unha vivenda nin na periferia de Vigo e o edificio está no centro".
A comunidade xa presentara varias alegacións ao proxecto e mesmo o levaron á vía xudicial.