Reunión de Rueda cos centros galegos de Venezuela para coñecer a situación e brindarlles axuda
Alfonso Rueda díxolles que a Xunta vai activar todos os mecanismos para colaborar na recuperación do país
Ademais de apoios aos damnificados a través de ONG, a Xunta ofrece axudas de emerxencia para emigrantes galegos e descendentes afectados por catástrofes naturais
Pola súa banda, a Irmandade Galega de Venezuela agradeceu a axuda ofrecida pola Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse na tarde deste domingo por videoconferencia cos representantes dos centros galegos en Venezuela para trasladarlles a solidariedade do pobo galego e agradecerlles o traballo que están facendo para atender os afectados. Rueda díxolles que a Xunta vai activar todos os mecanismos para colaborar na recuperación do país, e que ademais de apoios aos damnificados a través de oenegués, a Xunta ofrece axudas de emerxencia para emigrantes galegos e descendentes afectados por catástrofes naturais como esta.
Actualmente residen en Venezuela máis de 30.300 persoas galegas, mentres que en Galicia residen arredor de 27.600 persoas de nacionalidade venezolana. O Goberno galego explica que traballou nestes últimos días na coordinación do desprazamento dun equipo especializado en busca e rescate e activou distintas actuacións de cooperación para contribuír á atención das persoas afectadas.
Na reunión apelouse á cautela, xa que a información ata o de agora é moi escasa debido aos problemas de comunicación coa zona da Guaira, a máis afectada pola traxedia. A Xunta informa que está desde o primeiro momento en contacto permanente cos centros, que, xunto cos restantes centros da colectividade española en Venezuela, acordaron converterse en centros de acopio de materiais necesarios no rescate e desde os que se ofrece apoio ás familias que así o precisen.
Na xuntanza telemática, na que tamén participaron o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, estiveron presentes os presidentes da Irmandade Galega de Venezuela; da Irmandade Galega de Valencia; dos centros galegos de Maracaibo e Puerto La Cruz; da Asociación Fillos de Galicia dos estados de Aragua e Lara; e da Federación de Centros Españois de Venezuela.