Retomar as rutinas de sono, alimentación e exercicio axuda a combater a síndrome posvacacional
O arranque do mes de setembro marca a volta o traballo e á rutina para moitos
Toque cando toque, dicirlles adeus ás vacacións custa. "Ir de vacacións, relaxarse, é algo fácil, pero á volta hai que reverter ese proceso", di Julio González, psicólogo. A síndrome vacacional ameaza, e dependerá de como se leve esa transición.
Segundo explica o psicólogo, a síndrome pode existir "como unha concatenación de circunstancias pola readaptación a ese cambio" pero -para el- non se pode falar "nin de enfermidade, nin de trastorno".
Entre as recomendacións para que a volta o traballo se leve da mellor maneira posible, destaca: "primeiro, ser conscientes de que hai que volver, e logo graduar esa volta". Para iso, convén "escoller as tarefas máis sinxelas, empezar pouco a pouco". Pode axudar "retomar os horarios, as rutinas, o ritmo de alimentación, de exercicio, e de traballo" e tomalo con calma, "pensar que o primeiro día non temos por que estar ao cen por cento", asegura.
O caso é que a volta ao traballo consuma a enerxía xusta. Se vai acompañada dunha sensación intensa de angustia ou ansiedade que non marcha cos días, conviría -di González- pedir axuda profesional.