Repóker de Adriana Soto para pechar a temporada do Liceo feminino
O triunfo diante do Vila Sana quitoulle a primeira posición ao seu rival (6-5)
O Liceo feminino rematou a temporada consolidando o sexto posto e derrotando o poderoso Vila Sana, equipo ao que lle quitou o primeiro posto da competición. As liceístas demostraron terlle tomada a medida ao equipo ilerdense ao que xa derrotaran nos cuartos de final da Copa.
O partido foi espectacular, dos que fan afección. E cunha protagonista clara, a dianteira arxentina do Liceo Adriana Soto que marcou cinco goles.
Ao descanso chegouse cun 3-1 e na segunda metade o Vila Sana parecía reconducir a situación poñendo o empate no marcador. Nada máis lonxe da realidade porque o Liceo sentenciou a tres minutos do final con dous goles consecutivos de Bea Gaete e Adriana Soto para poñer o 6-4. O tanto final do Vila Sana só maquillou o marcador.