Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rematan os novendiais por Francisco e os cardeais piden dobre xuntanza para deliberar este luns

Rematan os novendiais por Francisco e os cardeais piden dobre xuntanza para deliberar este luns

Os nove días de loito por Francisco dan paso a unha etapa de "esperanza" coa escolla do novo Papa como obxectivo

Transcendeu que hai poucos avances para consensuar os nomes dos papables e por iso os cardeais queren reunirse mañá e tarde antes do conclave

G24.gal 04/05/2025 18:00 Última actualización 04/05/2025 21:28

Nove días de loito e misas polo Papa falecido. Son os coñecidos como novendiais, que rematan este domingo. Teñen o seu punto culminante pola tarde coa celebración da última misa na basílica vaticana oficiada polo cardeal Dominique Mamberti, protodiácono do Colexio Cardenalicio. Precisamente, un dos cardeais electores, o italiano Mario Zenari, sen abandonar o hermetismo, falou para a TVG do pontificado de Francisco e do futuro,

— Teño moi bos recordos, moi bos, moi bos recordos del.
— En clave de futuro, falábame vostede do xubileu da esperanza, do ano da esperanza.
— Claro, porque esperamos en Deus.

Por ese motivo, o remate dos novendiais, non hai hoxe xuntanza de cardeais, as denominadas congregacións xerais, que parecen seguir nun terreo de indefinición. Hai unhas horas transcendía que está lonxe un acordo na busca dunha figura papable de consenso que tenda pontes entre os sectores conservador e progresista. Por este motivo, os purpurados pediron que mañá luns haxa unha dobre xuntanza, pola mañá e pola tarde, e non se descarta que tamén sexa dobre o martes. O obxectivo é levar candidatos ben decantados ao conclave, que se inicia o mércores coa Capela Sixtina blindada para evitar filtracións.

O legado de Francisco é evidente e no Vaticano as respostas sobre un novo Papa coinciden maioritariamente en pedir continuidade. De feito, a expresión a mesma liña parece un fetiche cando lles preguntamos este domingo a visitantes do Vaticano:

"Que siga a mesma liña que tiña ca o anterior Papa, que unificou moito a xente nova coa xente maior"
"Que continúe na liña do anterior, que apoie sobre todo ese voto que fai de humildade"
"A mesma liña ca o papa Francisco, continuar a loitar polos mesmo principios"
"Que fora da mesma liña, non?"
"Van ter unha boa elección, pero nada mellor ca o papa Francisco".

Por certo, este domingo, as rúas do Vaticano viviron un desfile de Templarios chegados desde distintos puntos do mundo. Son mulleres e homes, a maioría laicos, que este ano ofician de gardiáns do xubileu romano. É dicir, actúan como encargados de vixiar as procesións ou de facilitar información aos peregrinos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade