Refuxiados en Monterroso protestan polo trato de traballadores que os tutelan
Entre as súas queixas está a falta de atención sanitaria, alimentaria ou de vestimenta, pero tamén a falta de información sobre as súas solicitudes de asilo
Os refuxiados chegaron a pecharse no hotel en que están aloxados, e aínda que decidiron cesar nesta medida, manteñen as protestas
O Goberno asegura que vai "escoitar" as protestas de migrantes para "dar solución"

Os refuxiados que chegaron a Monterroso o pasado mes de agosto non están contentos co trato que reciben por parte da ONG Rescate que os tutela e pecháronse no hotel onde están aloxados. Porén, hai unhas horas puxeron fin á protesta.
Denuncian un trato discriminatorio, e mesmo racista, por parte de empregados desa ONG, e continúan coas súas protestas. Queixanse, entre outras cousas, de que non reciben axuda para ir ao centro de saúde, que tampouco teñen roupa nin comida en condicións, e que non están a recibir información sobre as súas solicitudes de asilo, mesmo nos casos nos que foi aceptada.
Din que hai tempo que levan sufrindo estes problemas e que non os quixeron facer públicos porque os seus problemas non son contra Rescate, senón pola actitude dalgúns dos seus traballadores. Queren ademais agradecer á poboación da vila de Monterroso a atención e o recibimento que lles deron, pero din que crían que chegaran para ser tratados como persoas, e non está sendo así por parte dalgunha xente.
Pola súa parte, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegura que se van "escoitar" as protestas realizadas polos refuxiados para "darlles solucións a esas demandas que poidan ter".
A preguntas da prensa sobre a protesta do pasado martes dun cento deles para denunciar o trato que reciben, o delegado indica que "hai máis de 100 persoas convivindo, polo tanto, neste tipo de situacións poden darse certas friccións, sobre todo no caso de que hai persoas que se está tramitando o asilo, e nesas tramitacións de asilo hai algunhas que, efectivamente, non cumpren os requisitos legalmente establecidos".
Incide en que se lle denega o asilo a "aqueles que non cumpren", aínda que se vai "dar unha solución a todo o mundo".
Blanco remarca que se trata dunha "situación de emerxencia humanitaria" na que Galicia acolle aos migrantes "cos brazos abertos". "Hai unha colaboración interinstitucional eu creo que admirable, sobre todo se o comparamos con outras comunidades autónomas", agrega.
Aínda que "non para" a "presión dos inmigrantes que están a chegar a Canarias e de Canarias están a vir cara á península", opina que en Galicia leva "con absoluta tranquilidade". Considera que "aquí as cousas están a facerse medianamente ben".
Ao preguntarlle nun acto en Ourense sobre as queixas dos migrantes cara ao trato de traballadores da ONG Rescate, Pedro Blanco lembra que é unha organización do terceiro sector que "practicamente está a xestionar todos os centros de Galicia". "Polo tanto, non temos ningunha queixa especial respecto á ONG". De todos os xeitos, imos ver exactamente que fricción ou que problema pode haber e seguro que chegaremos a unha solución.