Reducido un home na praia de Burela tras ameazar varias persoas cun coitelo
Os axentes da Garda Civil lograron reducir o home tras disparar varios tiros ao aire porque se negaba a soltar o coitelo
O mozo previamente ameazara varias persoas pola rúa cun coitelo que parecía de cociña
A Garda Civil trasladou o home ata o Hospital da Mariña para unha avaliación, xa que estaba pendente de ingreso na Unidade de Psiquiatría
Axentes da Garda Civil de Burela tiveron que reducir un home novo na praia urbana de Burela a primeira hora da tarde deste domingo. O home portaba un coitelo cunha folla de lonxitude considerable co que xa ameazara varias persoas pola rúa.
A rápida e eficaz intervención dos axentes da Benémerita evitou que hoube persoas lesionadas. Aínda así, para reducir o home, os axentes precisaron disparar varios tiros ao aire, xa que por moito que lle pedían a arma branca o home negábase a facelo. A actuación dos axentes, aínda que efectiva, provocou tamén certa alarma entre os veciños que os escoitaron.
Previamente, o individuo encerrárase nun cuarto do seu domicilio co coitelo. Por ese motivo, o 112 requiriu a presenza dos servizos médicos e das forzas de seguridade. O home conseguiu escapar da casa armado co coitelo de cociña, e a Garda Civil perseguiuno ata lograr a súa denteción.
Unha vez reducido o home, a Garda Civil trasladouno ata o Hospital da Mariña de Burela. Un equipo médico está a avaliara o seu estado e podería decidir trasladalo á Unidade de Psiquiatría na que, ao parecer, estaba pendente de ingreso. De non pasar á Unidade de Psiquiatría, deberá pasar á disposición das autoridades por un presunto delito de amezas con arma branca.