Publicador de contidos
Publicador de contidos

Once detidos e 28 quilos de cocaína comisados nunha redada en varias vilas galegas

Once detidos e 28 quilos de cocaína comisados nunha redada en varias vilas galegas

A Policía Nacional e a Garda Civil levaban un ano investigando unha rede de tráfico e distribución de cocaína e haxix con orixe en Arteixo

Nove dos 11 detidos ingresaron xa na cadea

G24.gal 10/12/2021 10:50

Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil detiveron 11 persoas nas provincias da Coruña e Pontevedra e incautáronse de 28 quilos de cocaína en varias localidades galegas, segundo informaron os dous corpos de seguridade.

A investigación comezou a principios de ano en Arteixo, onde os axentes detectaron a presenza dun activo distribuidor de cocaína e haxix cunha ampla infraestrutura para realizar viaxes ao sur de España para aprovisionarse desta última droga.

Un transportista colaboraba con este distribuidor e usaba a 'caleta' dun dos seus vehículos para agochar a substancia. Viaxaba detrás do líder da rede, que facía de lanzadeira na busca de controis policiais durante o traxecto.

Ao chegar a Arteixo, escondían a droga nun baixo, desde onde a distribuían varios colaboradores. Foi un deles, un transportista que trasladaba importantes cantidades de cocaína na provincia da Coruña, o que levou os investigadores a tirar do fío baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña. Así, puideron comprobar que outro individuo da provincia de Pontevedra, sen antecedentes, tamén subministraba droga.

Clientes e distribuidores identificados

Nun traballo coordinado, axentes da Garda Civil e da Policía Nacional empezaron a identificar numerosos clientes e distribuidores de cocaína en varios lugares de Galicia que estaban sendo subministrados pola mesma persoa, polo que localizaron dous dos agochos onde tiñan a cocaína.

O provedor gardaba a droga nunha vivenda próxima ao seu domicilio. Alí e nuns rochos dunha vivenda de Vilagarcía adulterábana e preparábana.

Ademais, os investigadores detectaron transaccións de grandes cantidades de cartos entre os clientes e o subministrador. Facíanse de madrugada, un día á semana.

Finalmente na madrugada do pasado 2 de decembro estableceuse un dispositivo conxunto na área metropolitana da Coruña en que se detectou unha das entregas de droga. Detiveron dúas persoas na allada, cando intercambiaban por cartos un quilo de cocaína.

Despois viñeron o resto das detencións, ata un total de 11, catro delas na provincia de Pontevedra e sete na da Coruña. Fixeron ademais 12 rexistros en distintas localidades das dúas provincias. Xunto cos 28 quilos de cocaína, incautaron seis e medio de haxix, 400 gramos de marihuana, medio quilo de substancia para cortar a droga, 55.000 euros, unha prensa hidráulica, seis básculas de precisión e cinco vehículos.

Tras pasar a disposición xudicial, nove dos 11 detidos ingresaron en prisión por pertenza a organización criminal e tráfico de drogas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade