Unha muller de Carballo recupera a casa que alugara convertida en vertedoiro
Tras 17 meses sen cobrar e logo dun longo proceso xudicial, acaba de recuperar o seu inmoble
Na casa vivían unha muller con dous fillos maiores de idade e dous cans que en tres anos non saíron da vivenda
Hai moscas, pulgas e un cheiro dos que cala na pel, e calculan perdas superiores aos 50.000 euros
Mari Carme Rodríguez, veciña de Carballo, alugou a casa que herdara dos seus pais, hai case tres anos. Despois de 17 meses sen cobrar e logo dun longo proceso xudicial, acaba de recuperala convertida en vertedoiro.
"Non hai nada que me sirva. Teño que tirar con todo. Está todo feito unha ruína porque isto é insalubre para vivir. Como vivían aquí? Non o sei", laméntase Mari Carme Rodríguez, a propietaria.
Dentro vivían unha muller viva con dous fillos maiores de idade e dous cans que en tres anos non saíron á rúa.
"Os meus veciños nunca viron os cans fóra. Os cans cagaban e mexaban dentro da casa e está a proba porque o chan está todo cuberto de merda de can", engade a propietaria.
Hai quilos de excrementos e residuos de todo tipo entre os que cociñaban, comían, se aseaban e durmían. No cuarto da rapaza mais nova, duns 18-19 anos, a desorde e os buratos do colchón son o de menos.
"Por non baixar ao baño de noite, mexaba dentro dunhas botellas porque están alí á vista, que se poden ver... Hai pratos de macarróns, cabichas de tabaco e do que non son tabaco", explica Mari Carme.
Voan as moscas e saltan as pulgas e faltan palabras para describir o cheiro, que é dos que cala na pel.
"Cando esperto noto o cheiro no nariz porque é un cheiro nauseabundo, que che entra na pel. Esperto e digo: "Estou na miña casa, non en Bértoa".
"Todos os profesionais que accedemos á vivenda e que nos dedicamos a isto e que estivemos en máis desafiuzamentos, nunca vimos algo a este nivel, de insalubridade, sobre todo. En fin, dantesco. A palabra é un escenario dantesco, todos quedamos asombrados. Nunca viramos nada igual", remarca a avogada que levou o caso, Fátima Barreira, de De la Serna e Calviño Avogados
O de que esta casa é unha ruína queda curto. Hai dano emocional, que esta muller tourea con coraxe e moita perda económica.
"Pasará de 40 ou 50.000 euros, porque aquí non me vale nada. Nin as portas, nin os mobles, nin os baños, nada. Non vale nada", sinala a propietaria.
"A vivenda está para prenderlle lume. Aí o que realmente é salvable é a estrutura do edificio", confirma a avogada.
O seguro, que o ten, cóbrelle no mellor dos casos un 10 %. Ganada a primeira batalla, quédalle aínda moito trámite que pelexar antes de poder ver a casa como a deixaron seus pais.