Récord nas listas, con case 850.000 pacientes esperando por unha intervención cirúrxica
Galicia, con 63 días de media, está entre as tres comunidades coa lista máis baixa

A lista de espera cirúrxica alcanzan un récord histórico con 849.535 pacientes ao 31 de decembro de 2023, 56.014 máis ca un ano antes, e 128 días de espera de media, oito máis que a finais de 2022.
Segundo o indicador de listas de espera no Sistema Nacional de Saúde (SNS) publicado este martes e referido ao ano pasado no seu conxunto, o 24,3 % dos pacientes espera máis de seis meses para ser operado na sanidade pública sendo a neurocirurxía co 42,4 % e a cirurxía plástica, 40,8 %, as especialidades que encabezan esta demora de medio ano. Traumatoloxía, oftalmoloxía e cirurxía xeral mantéñense, do mesmo xeito que en 2022, como as especialidades con máis pacientes en lista de espera, seguido de uroloxía e otorrinolaringoloxía.
Por comunidades autónomas, Estremadura é a que ten maior tempo medio de espera (181 días), seguido de Andalucía (174), Cantabria (173), Canarias (147), Aragón (146) e Cataluña (138).
A Comunidade de Madrid contabiliza o tempo medio de espera máis baixo (51 días), xunto ao País Vasco (61), Galicia (63) e Comunidade Valenciana (88). Respecto a pacientes que esperan máis de seis meses para ser intervidos, Cantabria ocupa o primeiro lugar cun 38,9 % por diante de Andalucía, 38 % e Estremadura, 35,3 %. O País Vasco é a comunidade onde menos pacientes esperan seis meses, só o 2,5 %, seguido de Galicia, co 2,7 %.