Reclaman solucións para reabrir a ponte sobre o río Sar de Vidaloíso, en Brión
A forza da auga foi danando os piares da ponte, e o Concello pechouna por seguridade en 2024
A veciñanza quéixase das dificultades para entrar e saír de Vidaloíso dende que cortaron a ponte
O Sar baixa con forza por Vidaloíso, en Brión. O río arrastra madeira das ribeiras e a ponte, de ollos estreitos, impídelle o paso. Din os veciños que moitos invernos as enchentes chegan a cubrir a ponte, e que eses atascos de vexetación foron provocando danos na estrutura.
"Empezaron a caer as pedras das bases, vai para tres anos", di Román, un veciño. "Cada inverno cae máis, e agora xa está que se ve vencido para abaixo", explica Carmen, tamén veciña.
Cren que agora a ponte ten risco de caer. Por seguridade, o Concello de Brión decidiu pechala ao tránsito en 2024. Ao cortar a ponte, cortouse a mellor conexión que tiñan en Vidaloíso para chegar a Santiago. "Acurta á metade o camiño -di Nico Vila, veciño- así que agora facemos cousa de 10 quilómetros máis ao día".
Pero para eles o maior problema é que a ponte o acceso máis cómodo a Vidaloíso. A outra entrada é estreita, e din que os vehículos grandes teñen difícil o paso. "Non entran bombeiros, nin ambulancias", quéixase Carmen. "Pasan, pero rozando nos espellos, cos espellos dobrados", do Román.
O Concello traballa nun proxecto para refacer a ponte, pero levará o seu tempo. Primeiro, teñen que obter as autorizacións. Explican que a ponte está catalogada: Patrimonio pide reparala, pero non cumpriría cos requisitos de Augas de Galicia para evitar os atoamentos. Cando acorden a mellor solución -restaurala ou construír unha nova-, o Concello terá aínda que buscar financiamento. Calculan que para renovar a ponte precisarán polo menos 650.000 euros, así que piden paciencia ata que poidan restablecer o paso por ela.