Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reclaman o arranxo dos edificios abandonados na zona histórica de Ourense

Reclaman o arranxo dos edificios abandonados na zona histórica de Ourense

Os veciños aseguran que a situación está causando a caída de habitantes na zona e o peche de negocios

G24.gal 17/11/2022 14:40

A rúa Juan de Austria está situada a apenas uns metros da praza Maior e a carón da catedral de Ourense. Acaba de reabrirse despois de ter que pechala por mor de desprendementos en varios edificios abandonados, despois de que nun deles se producira un incendio.

"O tellado quedou un pouco fastidiado e entre iso e a auga dos bombeiros imaxino que por dentro danaría as paredes que son moi antigas, máis que choveu, entón claro a casa empezou a caer, empezaron a caer cascotes. Entón viñeron e valaron toda a rúa, literal, fixeron un cadrado e cortaron o paso todo entre eles a miña tenda. Chego e encontro a tenda cunha valla por diante e peche obrigatorio", conta Josefina Castro, propietaria dun negocio. 

E noutras rúas da zona histórica repítese esa mesma imaxe. Xulio Prieto Nespereira, Bailén ou Hernán Cortés serven de exemplo. 

"Son perigosos, diso non cabe dúbida. Agora mesmo acabo de baixar das rúas de aí arriba, hai uns apuntalados con ferro que como veña unha andada de aire coma esas que viñeron mata un par de persoas e aquí non pasa nada".

Algúns levan anos apuntalados. Noutros a deterioración é cada vez máis evidente.

"Se non se sabe quen son os propietarios, ou se se sabe non se fan responsables, non sei a administración ata que punto está autorizada a facer un derrube ou algunha cousa."

O peor din é que isto leva consigo tamén un menor número de habitantes na zona, e o conseguinte peche de negocios.

"Pechou todo, antes había moitísimos comercios que sempre compraba e para ver os escaparates, e xa non hai nada". 

"Temos apuntalados edificios de igual hai vinte anos e o mellor aínda quedo curta, son como parte do decorado desta zona do casco vello que se está convertindo un pouco complicada de habitar. Tendes aquí tamén dúas fachadas que están apuntaladas e é un pouco a dinámica na que se está convertendo a zona vella por falta de actuación nos edificios", explica Graciela Rojo, presidenta da Asociación de Veciños do Casco Vello de Ourense. 

Os veciños denuncian ademais falta de limpeza e seguridade, a presenza de ratas por mor dos edificios abandonados, pintadas nas fachadas e unha escasa vixilancia do tráfico.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade