Reavívase o incendio dun edificio en Laxe e volven desaloxar vivendas lindeiras
Unhas trinta familias tiveron que pasar a noite fóra e algunhas van tardar en regresar porque varios pisos quedaron inservibles
O incendio declarado este sábado nun edificio de Laxe reavivouse de madrugada e as forzas de seguridade tiveron que desaloxar de novo un dos inmobles lindeiros. As lapas afectaron un piso que xa ardera.
Axentes da Garda Civil e varios particulares foron os que alertaron o 112 da presenza de fume na zona dos áticos. Os bombeiros de Carballo e de Santa Comba, coa axuda do GES de Ponteceso e unha motobomba de Medio Rural, traballaron na extinción.
Agora, continúan coas tarefas de refrixeración do edificio, situado na rúa Cesáreo Pondal. O lume orixinal, que comezou ás 14:00 horas do sábado, afectou trece domicilios de tres inmobles distintos que comparten patio de luces.
Dúas persoas foron evacuadas ao hospital por queimaduras e inhalación de fume e varias recibiron atención en centros sanitarios da zona. Ademais, os bombeiros fixeron varios rescates con autoescada e a veciñanza foi desaloxada.
Segundo informou o alcalde da localidade, Francisco Charlín Oróns, unhas trinta familias tiveron que pasar a noite fóra. Tendo en conta o mal estado no que quedaron algunhas vivendas, calcula que moitas aínda van tardar tempo en poder regresar aos seus fogares.
