Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os centros de vacinación masiva reabren para pórlles o reforzo aos galegos de 70 a 79

Os centros de vacinación masiva reabren para pórlles o reforzo aos galegos de 70 a 79

As persoas deste grupo de idade están sendo convocadas cunha mensaxe a través do teléfono móbil

Sanidade quere inmunizar os escolares "o antes posible" e advirte de que a metade dos ingresos na UCI son de persoas non vacinadas 

G24.gal 19/11/2021 07:50

Os centros de vacinación masiva comezaron a inxectar este venres a dose de reforzo aos 290.000 galegos de 70 a 79 anos. Farano dende hoxe e ata finais de mes.

As autoridades sanitarias realizaron un chamamento para que se acuda de forma masiva, para que o virus non se desboque como está pasando en Europa, precisamente pola baixa taxa de vacinados.

Estudos científicos confirmaron que a vacina perde eficacia aos catro meses, pero segue sendo a mellor baza contra o virus da que se dispón polo momento. 

As persoas deste grupo de idade recibiron unha mensaxe no móbil, ou vana recibir, e foron convocadas a acudir a algún dos grandes centros de vacinación. En calquera caso, desde Sanidade din que terán todas as facilidades. Con autocita ou sen ela, poden acudir a estes grandes recintos.

Estes centros abriran en abril, precisamente tamén con ese grupo de idade, e pecharon en setembro despois de despregar case toda a campaña de vacinación. 

Ás 8:15 horas comezaron a chegar ao IFEVI de Vigo os primeiros convocados. Durante este venres acudirán 5.000 persoas para recibir a terceira dose.

A localización dos centros de vacinación masiva repite, agás en Vilagarcía, onde cambiou para a antiga Comandancia da Mariña, e en Pontevedra, que é o edifico de administración da Xunta de Galicia en Campolongo.

O próximo grupo en vacinarse será o de entre 60 e 69. Hainos de Pfizer, Moderna e de AstraZéneca. O criterio será chamalos cando cumpran seis meses dende a segunda. 

A metade dos ingresos na UCI son de non vacinados

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladouse ás 9:30 horas deste venres a ese centro de vacinación de Pontevedra. Alí fixo un chamamento para que a xente que aínda non se vacinou acuda a facelo, xa que o 50 % das persoas que están ingresadas na UCI non están vacinadas.

"Ese 6% de poboación non vacinada está a provocar un 20 % dos ingresos hospitalarios, ou un 50 % da UCI, polo tanto cremos que fundamentalmente por eles hai que facer o esforzo de que se vacinen", explicou o conselleiro.

En Galicia o 93,4 % xa ten a pauta completa e na provincia de Pontevedra supérase esa cifra e sitúase no 94,57 %.

Ademais de comezar coa vacinación das persoas de 70-79 anos, tamén se realiza a picada de reforzo aos galegos que recibiron a vacina de Janssen. Estes son en total 124.000 persoas. Os mariñeiros, polas especiais características do seu traballo poden achegarse a poñer esa segunda dose en calquera momento.

Vacinar os escolares o antes posible

Comesaña destacou que lles preocupa o ámbito educativo e queren vacinar os nenos "canto antes". Afirmou que están pendentes da decisión da Axencia Europea de Medicamentos, que podería pronunciarse en dúas ou tres semanas.

O conselleiro de Sanidade manifestou que xa está todo preparado para facelo "cando se autorice" e que os nenos recibirían un terzo da dose da vacina.

En canto aos cribados masivos polo aumento de contaxios, Comesaña destacou que se retomarán e que este sábado e o domingo realizarase un no concello de Forcarei, pola alta incendia que hai nese municipio pontevedrés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar