Raúl Jardiel abandona o Arenteiro despois de cumprir o obxectivo da salvación
O equipo do Carballiño queda en dous días sen a súa cúpula técnica despois de anunciaren as marchas do director deportivo, Álex Vázquez, e do adestrador aragonés
Seguen os cambios no Arenteiro. Logo de confirmar este martes a saída do director deportivo, Álex Vázquez, o mércores o club do Carballiño anunciou que Raúl Jardiel non vai seguir no banco do Espiñedo. O técnico aragonés chegou en 2024 procedente do Teruel e acadou a permanencia cos do Carballiño cos que estivo en postos de play off durante 14 xornadas.
Con Jardiel o equipo ourensán completou unha gran primeira volta pero na segunda parte do campionato non puido manter o ritmo de puntuación e tivo que agardar ata a última xornada para certificar a continuidade na Primeira RFEF por terceiro ano consecutivo.