Rusia ameaza con endurecer a guerra se a OTAN envía novas armas
O Grupo de Contacto para Ucraína non logra adoptar unha decisión sobre o envío dos Leopard 2 de fabricación alemá
O secretario xeral da OTAN, que participou na xuntanza de Ramstein, considera "urxente" aumentar o apoio a Kíiv

O Grupo de Contacto para Ucraína non logrou adoptar unha decisión sobre o envío dos tanques Leopard 2 de fabricación alemá, que reclama Kíiv.
Malia todo, as autoridades ucraínas amósanse optimistas nas súas primeiras reaccións tras a reunión na base estadounidense de Ramstein (Alemaña).
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, que participou na xuntanza, asegura nun chío que é "urxente" aumentar o apoio a Kíiv para permitir que recupere o territorio ocupado, ante as próximas ofensivas rusas.
Pola súa banda, Rusia cualifica a reunión de provocación e escalada perigosa, mentres reivindica avances no leste e no sueste do país.
Segundo a voceira do Ministerio de Exteriores, María Zajárova, é unha “incitación provocativa” por parte de Occidente que “inevitablemente conducirá a un aumento das baixas e unha escalada perigosa”.