Radu: "Aspas é mellor na vida real que no FIFA"
O exporteiro do Venezia, que asinou un contrato ata xuño de 2029 coa entidade celeste, non se ve por diante de Iván Villar e Marc Vidal
O porteiro internacional romanés Andrei Ionut Radu non escatimou este mércores eloxios ao seu novo compañeiro Iago Aspas, a quen adoitaba elixir cando xogaba no FIFA na consola.
“Claro que coñecía cousas do Celta antes de fichar. Iago é unha lenda, xoguei con el no FIFA moitas veces. É unha honra estar aquí. No momento en que escoitei do interese do Celta, quería vir, tíñao claro. Iago -Aspas- é mellor na vida real que no FIFA, por suposto. No FIFA perdín moitos partidos pola súa culpa”, chanceou en conferencia de prensa.
Aínda que chega a Balaídos para suplir a baixa de Vicente Guaita, o exporteiro do Venezia, que asinou un contrato ata xuño de 2029 coa entidade celeste, non se ve por diante de Iván Villar e Marc Vidal.
“Na vida nada está asegurado. En ningún sitio me sentín como o porteiro titular. Sempre tento dar o mellor, transmitir moita confianza ao corpo técnico e aos meus compañeiros”, subliñou.
Preguntado por se ve suficiente nivel no cadro de xogadores para pelexar por un título, Radu dixo que “soñar é gratis e sempre hai que soñar en grande”.
“Aínda que levo poucos días, xa puiden ver a calidade que hai neste persoal. Vexo un grupo novo, pero tamén con moita fame. Por diante temos un reto moi ilusionante e temos que gozalo”, manifestou o gardameta