Empate dun Racing a contracorrente (2-2) que se estrelou contra os paus
O Vilarreal B adiantouse en dúas ocasións, pero o equipo ferrolán tivo acerto para empatar con goles de Carlos Vicente e Iker Losada
Sabin Merino e Álvaro Giménez estreláronse contra os postes
O empate do Racing ante o Vilarreal B resultou agre porque malgastou moitas ocasións (24 tiros a porta). Pero tamén tivo un punto doce porque o filial castellonenco se adiantou en dúas veces no marcador e o Racing soubo reaccionar (2-2).
O cadro ferrolán pasoulle por riba ao Vilarreal na primeira metade. Héber e Carlos Vicente eran dous puñais por cadansúa banda e das súas botas naceron todas as opcións de perigo que xerou o equipo verde (un bo feixe delas). O cadro amarelo aguantou grazas ao seu porteiro e acertou no primeiro lanzamento a portería, un golazo de Ontiveros.
Mereceu o gol o Rácing no primeiro tempo, pero chegou ao comezo do segundo. Un penalti de Romero sobre Carlos Vicente que transformou o xogador aragonés.
Eran momentos de incerteza, porque no 60 Forés cabeceaba á rede o segundo gol visitante. Nin dous minutos lle durou a alegría porque Iker Losada volveu demostrar o seu tino goleador poñendo o empate (2-2).
Os adestradores quixeron controlar un partido que se convertera nunha tolemia. Cos trocos e co empate calmou o ímpeto ofensivo dos dous ata o treito final. Sabin Merino rozou o terceiro gol cun remate que se foi ao poste e Álvaro Giménez tivo a mesma sorte.