Gilsanz: "Non imos regalar nada a ningún rival"
Gilsanz, que acaba contrato o próximo 30 de xuño, non quixo falar do seu futuro no banco de Riazor
Óscar Gilsanz, adestrador Deportivo, pediu este venres “personalidade” aos seus xogadores para afrontar o partido de mañá contra o Sporting no Molinón, onde podería dar unha oportunidade aos menos habituais tras certificar a permanencia matemática.
“Poida que haxa algún xogador que entraba menos e que agora adestre, pero mañá en Xixón imos saír co once que máis nos achegue a gañar o partido porque é un ADN que queremos que o equipo teña sempre, de seguir competindo”, afirmou.
Nunha longa comparecencia ante os xornalistas, o técnico galego incidiu en que non entendo o fútbol a nivel profesional sen ser competitivos ata “o último minuto do último partido”, por iso prometeu que o Dépor non “regalará nada” a ningún rival nestas últimas xornadas.
“O xogador sabe que non imos abrir a man por abrila, senón que os cambios serán sempre pensando en que o equipo siga na mesma liña ascendente. Non imos regalar nada a ningún rival”, advertiu.
Gilsanz desconfía da situación clasificatoria do Spórting, un equipo que, ao seu xuízo, está a competir moi ben e conta con xogadores de “moito nivel” no seu persoal.
“Na súa casa, coa súa xente, van tentar facer un partido de ritmo alto. Temos que ter personalidade para xogar un partido no que vai haber moito ambiente de fútbol”, avisou.
Gilsanz, que acaba contrato o próximo 30 de xuño, non quixo falar do seu futuro no banco de Riazor, aínda que insistiu en que el está a cumprir “un soño” desde que deu o salto desde o Fabril ao primeiro equipo.
“Hai cousas que non dependen exclusivamente dun e non convén pensar no que non sexa o día a día. Todos temos soños e moitas veces van relacionados con ser cada vez mellores, estar cada vez en mellores sitios".