Rácing e Deportivo aproveitan os erros dos rivais e achéganse ao ascenso directo
O Deportivo queda a dous puntos da cabeza e o Rácing a tres, e cun partido menos, logo do empate do Alcorcón e a derrota do Real Madrid-Castela
Debían gañar e gañaron. O Deportivo e o Rácing aproveitan os esvaróns do Alcorcón e do Castela para lles pisar o calcañar. Fronte ao Ceuta, os branquiazuis precisaron rozar a espesura dunha primeira parte marcada polas disputas arbitrais. Nunha delas Lucas Pérez viu o quinto cartón que o apea da vindeira visita a Córdoba. Noutra, polémica, cunha caída na área de Quiles.
Máis calmo no segundo tempo, o Deportivo sacou o mellor de si. Atopou o gol nunha precisa combinación do seu dúo dinámico letal. Quiles emprende unha contra, entrega para a carreira de Lucas, este virou a cabeza para lle devolver un pase medido a xeito e o artilleiro asina o seu fermoso décimo cuarto gol.
Máis vistoso foi o triunfo do Rácing, que horas antes paseara maneiras de grande por San Sebastián de los Reyes. Jardí, Alex López e Carlos Vicente esnaquizaron a resistencia local. Detalle de altura de Manu Justo no segundo gol, que deixa pasar con estilo e picardía para que o capitán marque. Verdes e branquiazuis tocan cos dedos a promoción, os de Ferrol cun partido menos, e seguen e pé na batalla do ascenso directo.
Coas cruces da xornada cargaron o Celta B, que non superou o cabeiro Talavera e sente o alento do Linares na caluga na loita polo último posto de promoción, e un Pontevedra derrotado sen paliativos no campo do San Fernando, desprazado a seis puntos da salvación.