Rácing, Celta B e Pontevedra apurarán as súas opcións na xornada do domingo
Agora o Rácing quere culminar este maratón de partidos cun pleno. Pechar coa terceira vitoria e asaltar o posto de líder que ten a un punto.
Sen Jon García nin Fornos na defensa, por sanción, pero cun nutrido grupo de afeccionados desprazados, os ferroláns visitarán mañá o Unionistas, un rival que, tras unha temporada moi discreta, deu un cambio radical logo da chegada de Dani Ponz ao banco. Os salmantinos levan dous meses de éxito, gañaron oito dos nove últimos partidos.
"Non vai ser fácil pero se queremos estar arriba temos que sobrepoñernos a estas cousas", opina Cristóbal Parralo.
Para respecto, o que amosa o técnico rival, Dani Ponz: "O Racing con balón é boísimo e sen balón, tremendo".
O Unionistas aspira á promoción, e alí tamén quere regresar o Celta B, que perdeu o quinto posto a semana pasada malia empatar no Reino de León. Os vigueses precisan romper coa mala dinámica recente, porque levan catro xornadas sen gañar. Mañá recibirán en Balaídos o Fuenlabrada, un rival que loita por evitar o descenso e que é un dos peores como visitante.
Malia o susto da semana pasada, Brais Abelenda estará co Pontevedra mañá ao mediodía en Talavera. Onde se vai centralizar a loita pola permanencia. O último contra o penúltimo
O Talavera, con catro puntos menos está virtualmente descendido, pero aférrase ás matemáticas. "Chámame iluso pero quero gañar estes 4 partidos. Sei que é difícil, pero é que xa vin de todo", indica Pedro Díaz, adestrador do Talavera.
O Pontevedra, a catro puntos da permanencia, necesita a primeira vitoria fóra da casa, e Señor advirte do rival: "Perigo. Non podemos mirar a clasificación. Hai que respectar o rival. É o partido máis difícil".
A afección granate viaxará nun autobús custeado por empresas locais.