Quen se fai cargo dos danos do temporal?
O temporal deixou danos por toda Galicia, tanto no mobiliario urbano e na vía pública como en propiedades particulares
En moitos casos están cubertos polo Consorcio de Seguros, pero convén reclamar canto antes para que non se eternice a compensación
María José acaba de descubrir que o seu coche foi vítima do temporal. Caeulle enriba un muro que lle chimpou a defensa: "Cheguei agora á mañá para recoller o coche para ir traballar e, cando miro por adiante... Chamei a Policía Local e a catro teléfonos que me deron, polo menos", sinala.
No mesmo sitio había máis coches que tamén sufriron danos. A Policía Local fixo un atestado, así que xa teñen parte do camiño andado.
Julián Garriga, axente de seguros: "O máis áxil é, se o coche está a todo risco, pagarlle pola póliza e despois a aseguradora xa vai a recobro. E, se non, hai que mirar se esa zona declarou os sinistros consorciables".
O Consorcio de Compensación de Seguros cobre danos por riscos extraordinarios, como inundacións ou ventos de máis de 120 quilómetros por hora. Pero recomendan facer a reclamación o antes posible.
Julián Garriga, axente de seguros: "Se a reclamación se fai en tempo e forma, as indemnizacións adoitan ser áxiles. O problema é cando se fan despois, que analizan todo doutra maneira e, se cadra, xa non teñen a dispoñibilidade económica que tiñan para os sinistros que se fan en forma".
No caso de danos ás persoas, tamén hai cobertura. "Pídenche que achegues o parte de urxencias e despois que vaias facilitando as baixas, ata que che dean a alta definitiva", explica Garriga. Para as indemnizacións hai un baremo que atende a variables como a idade, o tipo de lesión e as secuelas.