Que siga a UME, infantería e maquinaria pesada militar: os medios que solicita a Xunta ao Goberno
A Xunta asegura que ten a confirmación verbal da ministra Robles de que contará cos medios necesarios
Nun carta remitida este luns polo conselleiro Diego Calvo, o Goberno autonómico incide na importancia de manter a despregadura do Exército en Galicia ante as reproducións que se dan mentres non cambien as condicións meteorolóxicas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiu unha carta á ministra de Defensa, Margarita Robles, na que concreta os medios que o Executivo autonómico considera que aínda son necesarios para facer fronte ás consecuencias da vaga de incendios: que siga a UME, infatería e maquinaria pesada militar.
Fontes do Executivo autonómico aseguraron que teñen a confirmación verbal de Robles de que contarán cos medios necesarios. De feito, a propia ministra xa afirmou o pasado sábado, nunha visita a Galicia, que UME e Exército de Terra seguirían despregados na comunidade o tempo que fose preciso.
No escrito de Calvo, con data de este luns, o conselleiro explica que efectivos da Xunta e persoal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) percorren as zonas máis danadas "co fin de avaliar riscos de erosión e escorrentías".
Tamén destaca a colaboración do Exército, á vez que incide "na importancia de manter a súa despregadura en Galicia", e engade que o apoio de unidades da UME é decisivo "ante as reproducións" que se dan "mentres non cambien as condicións meteorolóxicas".
Neste contexto, pide a Robles que tamén se manteñan no territorio Unidades de Infantería (Brilat e Bripac) e medios pesados militares. Estes, segundo o representante autonómico, permiten o repaso de perímetros, reforzos de liñas de control e reparación de pistas e cortes de bulldozers danados durante os labores de extinción.
O conselleiro subliñou que Galicia tamén necesita dispoñer de maquinaria especializada para minimizar riscos de escorrentías e arrastres. Concretamente, solicítanse ao Goberno central, "como mínimo", 30 pas mixtas "e outras tantas motoniveladoras co seu persoal".
Calvo engadiu que desde a Xunta tamén se están buscando medios adicionais para acometer as tarefas pendentes.