Que lle pasa á bolboreta arlequín?
Dende o ano 2006 non hai rastro desta especie de lepidóptero
A Sociedade para a conservación e estudo das bolboretas en España pídelles aos visitantes da illa de Ons que informen e fotografen se atopan algún exemplar
En Galicia hai identificadas 156 especies de bolboretas e, ao igual que sucede en Europa, cada vez hai menos. No 2014 empezou aquí un programa de seguimento para facer contaxes porque con elas mídese o estado de saúde dos ecosistemas.
"Se algo malo está a acontecer, as bolboretas van ser as primeiras que o van notar e, polo tanto, menos bolboretas, xa podemos saber que algo malo está a acontecer, e ao contrario", apunta Xiana Albor, voluntaria SOCEME-BMS España.
"Porque todas as especies de lepidópteros están ligadas a determinadas plantas nutricias e a determinados hábitats. Se os cambios son moi bruscos e as especies non logran adaptarse pois tenden a desaparecer", explica Saba González, coordinadora do programa de seguimento de bolboretas en Galicia e membro de SOCEME.
Iso é o que pensan que lle está pasando á bolboreta arlequín. Levan 20 anos sen atopala nas illas Ons, un dos seu hábitats. É por iso que a Sociedade para a conservación e estudo das bolboretas en España (Soceme), pide que se alguén ve algunha que o comuniquen.
"Como agora estamos no seu período de voo pois facemos un chamamento ás persoas que visiten a illa de Ons durante a Semana Santa, por exemplo, para que estean pendentes e nos acheguen as súas observacións", continúa Saba.
Se alguén logra sacarlle unha foto, debe enviala ao correo do Parque Natural ou da propia Soceme.
"Para poder observalas e contalas podemos desfrutar dun paseo de campo nun día solleiro, das súas cores, das súas formas. Son animais preciosos e vaia, aprender deles é moi gratificante", conclúe.