A intervención da Garda Civil salva a vida dun veciño de Moaña en parada respiratoria
Dous axentes acudiron ao domicilio do home, alertados polos berros de auxilio dun familiar
Practicáronlle as manobras de reanimación cardiopulmonar e mantivérono con vida ata que chegou a ambulancia medicalizada
Carlos e Miguel, que así se chaman os dous axentes da Garda Civil que salvaron a vida dun home en Moaña, contan que recibiron o aviso de que unha muller berraba pedindo auxilio nun piso da avenida Concepción Arenal, e acudiron -xunto á Policía Local- ao domicilio.
"Ao entrar vimos unha persoa tirada no cuarto", lembra Miguel. "Tiña mala cor, parecía falecido -engade Carlos-, empezamos a movelo, pero daba a impresión de que estaba morto".
Axiña comprobaron que o home, de 36 anos, tiña un pulso feble, e puxéronse mans á obra para sacalo adiante. "Tivemos que facerlle reanimación cardiopulmonar, estariamos media hora, ata que chegou a primeira ambulancia", explica Miguel. Di que logo seguiron coas manobras, facendo remudas cos sanitarios, minutos que se fixeron longos porque o home "parecía que se nos ía cada dous por tres", lembra.
Temeron pola súa vida, di Carlos, porque "malia que tiña pulso, por veces non respiraba, e había que cambialo de posición para que vomitara". Lograron reanimalo e estabilizalo ata que chegou a ambulancia medicalizada. Levárono ao hospital, xa consciente.
"Grazas á Comandancia que nos dá moita preparación; aos monitores, que teñen moita paciencia con nós, imos aprendendo", di Carlos. "É unha aprendizaxe diaria, porque cada vez que saes, atopas unha situación nova", engade Miguel.
Entre os dous xuntan case medio século de servizo en Moaña. Esta vida salvada é, para eles, a satisfacción do deber cumprido.
"Isto é unha das nosas funcións, de atención cidadá -di Miguel-. Afortunada ou desafortunadamente, tivemos máis casos coma este e, neste caso, podemos dicir que foi gratificante o resultado".
"É unha vida humana e é moi gratificante, a verdade -opina Carlos-. Pero é un día máis, é axudar a xente, que é polo que nos pagan e o que temos que facer".