Que facer se atopamos lume na estrada? Os mellores consellos para saír sen danos
Seguir as recomendacións que nos dan aínda que non nos parezan a mellor idea
Galicia ten centos de quilómetros de rede viaria que transcorren entre masas forestais. As lapas poden saltar dun lado ao outro da estrada cun simple cambio no vento e se nos sorprenden nese punto sabemos que temos que manter a calma e buscar escapatoria, pero hai consellos que ás veces non resultan tan obvios.
"Acender as luces do coche e as luces antinéboa e apagar o aire acondicionado do coche para que non nos entre fume e tamén pechar as ventás", comenta o bombeiro Miguel Ángel Mascaraque.
Se xa vemos o lume a certa distancia, o máis intelixente é fuxir no sentido contrario á dirección na que vemos que vai o fume. Tamén, afastarse das zonas con máis vexetación. E para evitar verse nunha desas, sempre, sempre seguir as recomendacións das autoridades e servizos de urxencia, non crermos que nós temos mellor criterio.
"Non facer o que creamos que temos que facer senón facer caso do que nos din que temos que facer", insiste Mascaraque.
En caso de que o lume prenda na roupa o mellor é facer rolos no chan para sufocar as lapas. Tamén nos pode ser moi útil lembrar que a zona máis segura ante un incendio é a que xa ardeu.