Publicador de contidos
Publicador de contidos

Que é o sistema VioGén?

Que é o sistema VioGén?

G24.gal 19/01/2023 19:44

O sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (VioGén), creado en 2007 pola Secretaria do Estado de Seguridade, recompilou información de case 709.000 casos e avaliou o risco de máis de 633.000 vítimas para determinar a protección que necesitan.

Interior e os responsables das forzas de seguridade analizan agora a información acumulada neste mecanismo pioneiro para estudar os 49 asasinatos machistas de 2022 e o comezo de ano, xa que varias das vítimas estaban incluídas neste sistema.

O último protocolo para a valoración de risco detalla o traballo que deben realizar as forzas de seguridade para investigar calquera caso de violencia de xénero, a súa obriga de denuncialo de oficio se contan con indicios suficientes, aínda que a vítima non o faga, e a necesidade de realizar unha análise pormenorizada dos riscos para determinar o nivel de protección.

Con toda a información recompilada e incluída no Sistema VioGén, este asignará un nivel de risco—non apreciado, baixo, medio, alto ou extremo—, que poderá ser modificado polos axentes se o consideran necesario para protexer mellor a vítima. O resultado comunícase ao xulgado e ao fiscal nun informe automatizado que se inclúe no atestado policial.

Segundo o protocolo actualizado en 2019, ao presentarse una denunciar ou ter coñecemento dun caso, procédese a identificar a vítima e agresor e a consultar o sistema por se estivesen dados de alta.

Con data de 30 de novembro había 74.656 casos activos e máis de 634.000 inactivos.

Cada nivel de risco leva aparelladas medidas policiais específicas de aplicación obrigatoria e inmediata. 

Nos casos en que ese risco é non apreciado, os axentes céntranse en informar a muller dos recursos dispoñibles aos que pode acudir e acceder.

Cando o sistema determina un nivel de risco baixo, facilitarase á muller un teléfono de contacto permanente e realizaranse contactos telefónicos ou persoais de maneira discreta e acordados coa vítima. Intentarase coñecer a través dela as resolucións xudiciais do caso, xa que poden aumentar o perigo para a muller e esixir unha maior protección.

Os axentes deberán informar ao agresor de que o seu caso se atopa sometido a control policial; se ten armas, iniciarán o proceso para retirarllas e controlarán puntualmente a información penitenciaria no Sistema VioGén para coñecer as súas posibles saídas de prisión.

Cun nivel de risco alto, e se non está localizado o agresor, débese invitar a vítima a ir a un centro de acollida ou a cambiar de domicilio, e os controis sobre a vivenda ou lugar do traballo serán frecuentes. Realizaranse tamén controis aleatorios do agresor, contactando ademais coas persoas do seu ámbito.

A protección da vítima nos casos de risco extremo será permanente e, se é necesario, tamén se vixiarán as entradas e saídas dos fillos no colexio, ademais de establecerse un control exhaustivo sobre o agresor.

A cada vítima proporcionaráselle un plan de seguridade personalizado (PSP) con medidas de autoprotección, como levar sempre un teléfono móbil, facer un uso das redes sociais, adoptar rutinas de seguridade nos desprazamentos ou planificar unha rutina de fuxida no caso de nova agresión.

Inclúense ademais recomendacións se hai fillos menores, aos que o sistema aconsella ensinarlles a saír do cuarto se se produce un feito violento e ir a un lugar seguro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade