Programación especial na primeira canle co ascenso do Dépor e o 'play-off' do Celta Fortuna
A Televisión de Galicia retransmitirá pola primeira canle o último partido na Segunda División, recibindo en Riazor a Unión Deportiva Las Palmas
A TVG dará cobertura ás celebracións oficiais coa Fan Zone nos arredores do estadio e o paseo no autobús sen capota ata a fonte de Catro Camiños
A Televisión de Galicia ofrecerá tamén en aberto a partir das catro da tarde o partido de ida das semifinais da fase de ascenso á Segunda División entre o Europa de Barcelona e o Celta Fortuna
Foto Deportivo
O Deportivo da Coruña celebra este domingo ante a súa afección o ascenso á Primeira División do fútbol español, categoría á que regresa oito anos despois. A Televisión de Galicia retransmitirá pola primeira canle o último partido na Segunda División, recibindo en Riazor a Unión Deportiva Las Palmas.
Nun estadio que estará cheo con trinta mil seareiros nas bancadas, os branquiazuis saltarán ao céspede co encargo que lles facía o presidente Escotet durante os actos de celebración, “sumar os oitenta puntos porque teño a corazonada de que o Racing vai picar, e imos ser campións”. Iso si, para quedar primeiro o Deportivo necesita gañar e que o Racing de Santander perda no Sardinero ante o Cádiz. Mentres, o Las Palmas chega á Coruña coa necesidade de sumar a vitoria para garantir a praza no play-off e non ter que depender dos resultados dos rivais directos.
A programación especial comezará ás seis da tarde coa previa máis completa e tras os noventa minutos de xogo, a TVG dará cobertura ás celebracións oficiais coa Fan Zone nos arredores do estadio e o paseo no autobús sen capota ata a fonte de Catro Camiños.
A Televisión de Galicia ofrecerá tamén en aberto a partir das catro da tarde o partido de ida das semifinais da fase de ascenso á Segunda División entre o Europa de Barcelona e o Celta Fortuna. A canle autonómica adquiriu todos os partidos que dispute o filial celeste neste play-off.