Mila Milosevich: "Rusia non usaría armas nucleares para gañar a guerra"
A analista do Real Instituto Elcano, Mila Milosevich-Juaristi, asegura que Rusia está disposta a prolongar a guerra en Ucraína e soportar as sancións impostas polos gobernos occidentais
Para Milosevic, os referendos convocados a partir do 23 de setembro responden á necesidade de Vladimir Putin de presentar algunha iniciativa de calquera tipo como unha vitoria
A analista do Real Instituto Elcano, Mila Milosevich, non cre que o presidente ruso Vladímir Putin vaia empregar armamento atómico para gañar a guerra en Ucraína.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, Milosevich asegurou que Putin só empregaría armas nucleares no caso de que o Estado ruso estivese en risco de desaparecer e non dispuxese de armas convencionais para defendelo.
"Desde o comezo da guerra de Ucraína, Putin ameazou co uso de armas nucleares. Na miña opinión, non as vai usar para gañar a guerra. Usaríaas, como dita a doutrina militar rusa, no caso de que o Estado ruso estivese en perigo de supervivencia e ademais non dispuxese de armas convencionais. Nese caso si que se empregarían armas nucleares. Pero Rusia non está aínda nesta situación".
A decisión de Putin de mobilizar a arredor de 300.000 reservistas para combater en Ucraína provocou protestas nalgunhas cidades rusas e a detención de máis de persoas. Para Milosevich, estas manifestacións hai que interpretalas como a expresión de temor ante a participación na guerra, máis que como unha resposta política contra a invasión rusa.
"Estas protestas e as fuxidas ao estranxeiro non queren dicir necesariamente que estean en contra da guerra. Están en contra de morrer nesta guerra, pero en contra da guerra como tal non se manifestaron".
Para a analista, a incorporación deste continxente de reservistas non suporá un factor determinante a favor de Rusia, pero aliviará o desgaste das tropas rusas que levan a fronte desde o comezo da invasión.
"A inclusión destes reservistas pode cambiar a dinámica da guerra. Rusia pódese beneficiar da rotación das tropas. Neste momento os soldados rusos están moi cansos, porque ata agora non houbo remuda de tropas na fronte".
Mila Milosevich insiste en que o obxectivo político principal de Vladimir Putin é que Moscova poida controlar o Goberno de Ucraína e afastalo da Alianza Atlántica e da Unión Europeo. Ante o fracaso deste obxectivo, o presidente ruso, segundo Milosevic, precisa con urxencia unha vitoria de calquera tipo que reforce o seu liderado. A analista cre que a convocatoria dos referendos nas autoproclamadas repúblicas populares prorrusas do leste de Ucraína responden a esta necesidade.
"Unha das razóns destes referendos é presentar algo como unha vitoria. Porque a pervivencia do réxime de Putin pende da vitoria nesta guerra e o presidente ruso procura desesperadamente algo que poida vender como unha vitoria".