Presentado Giacomo Quagliata: "Como xogador é imposible non coñecer o Deportivo"
"Será impresionante a primeira vez que xogue en Riazor", confesou o lateral italiano na conferencia de prensa
O lateral esquerdo italiano Giacomo Quagliata foi presentado como novo xogador do Deportivo. Desde hai uns días xa está na dinámica do equipo pero incorporouse directamente á concentración no Reino Unido. Trátase dun xogador de 25 anos, que chega procedente do Cremonese co que estaba na Serie B de Italia.
"Como xogador é imposible non coñecer o Deportivo", confesou na conferencia de prensa. "En canto souben do interese pedinlle ao meu axente que fixese todo o posible por pechar a operación", dixo Quagliata.
O defensa está disposto a xogar nunha liña de catro ou de cinco aínda que se atopa máis cómodo no sistema de catro defensas. Nos últimos días puido ver moitos partidos da temporada pasada do Deportivo e o que máis lle impresionou foi o ambiente que se vive no campo: "O público é incrible, non me chega a hora de xogar o meu primeiro partido en Riazor".