Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación en Meaño pola vaga de vehículos queimados na rúa nos últimos meses

Preocupación en Meaño pola vaga de vehículos queimados na rúa nos últimos meses

Polo menos 7 coches queimáronse nas rúas da localidade pontevedresa no último ano

G24.gal 20/10/2025 14:13

Veciños de Meaño denuncian o elevado número de vehículos que arderon nas súas rúas nos últimos tempos. Os corpos e forzas de seguridade sospeitan da intencionalidade da maioría deles e investigan o sucedido para dar cos responsables.

Dous vehículos arderon nesta rúa dos Colexios baixo o portal do número 1 do núcleo de Dena, no concello pontevedrés de Meaño. Foi de madrugada, hai menos dun mes.

A dona dun deles que está segura de que alguén lle prendeu lume confirma que foi a propia Garda Civil a que a avisou do que estaba acontecendo. O outro coche que se viu afectado pertencía a un home que vive en Madrid e que estaba visitando a súa nai. 

A pasada semana na zona de Altamira ardeu outro vehículo en circunstancias similares. Efectivos de emerxencias de Sanxenxo acudiron para extinguilo.

Nos meses de maio e agosto tamén na zona da praza do Corazón outros coches arderon de madrugada. Os veciños están fartos destes feitos e reclaman máis vixilancia policial. 

Pensan que ao mellor non todos pero a maioría destes incendios son provocados. Dende o Concello de Sanxenxo aseguran que estes sucesos están baixo investigación e que non poden dar máis información ao respecto. Meaño só conta cun policía local e os postos da Garda Civil más próximos son os do Grove e Sanxenxo.

A veciñanza mentres tanto agarda preocupada e desexosa de que pronto as investigacións cheguen a bo termo e dean co responsable ou responsables destes incidentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade