Poxa das unllas na festa compostelá de San Lázaro
Chegáronse a acadar ata 75 euros polas unllas de San Lázaro
O día solleiro axudou a que a cita estivera moi concorrida
Día solleiro, misa solemne, e agarda no barrio compostelán de San Lázaro pola tradicional poxa das unllas. Conta a xente que "agardan que sexa moi concorrida é que hai que ir porque é unha tradición".
Comezou a poxa á vez que subía a temperatura e os prezos. Victoria, unha veciña do barrio de San Lázaro, foi a primeira en facerse cos pezuños de saída. Pagou 33 euros. Ela e os demais que están na poxa son dos habituais. Cóntanos que leva indo máis de 30 anos. Outros, porén, en pleno Camiño de Santiago, acoden no medio da sorpresa, é o caso do Toni, finlandés que, malia ser vexetariano, cóntanos, que lle parece unha festa moi interesante.
A poxa e a expectación continuou, chegáronse a pagar ata 75 euros polas unllas. Prezos que, segundo nos contan, non se lembraban tan altos. Sexa como for, os cartos van para o santo e iso, cóntanos, paga a pena. Foi unha poxa moi concorrida, como concorrida espera tamén a fin de festa. Unha veciña di que pola noite actuará a orquestra París de Noia, polo que cre "que vai estar petado".