Positivos por covid–19 máis de 40 traballadores do estaleiro Freire de Vigo
O 90 % dos contaxiados son de empresas auxiliares
O número podería aumentar á espera dos resultados dos cribados do SERGAS

Cando menos 40 traballadores, a maioría pertencentes a empresas auxiliares do naval, deron positivo nun gromo detectado nas instalacións do estaleiro Freire de Vigo, segundo fontes sindicais. Os positivos e os seus contactos estreitos permanecen illados á espera dos resultados dos cribados que realizou esta tarde o Sergas, e por tanto o número de contaxios podería aumentar.
O 90 % dos contaxiados están a traballar na construción dun iate de 111 metros. Empresa e sindicatos reuniranse este xoves para analizar o contexto en que se produciu o gromo, xa que nas vagas anteriores de covid–19 apenas se contaxiara unha ducia de traballadores.