Publicador de contidos

Publicador de contidos

Más de 1.200 bombeiros combaten tres grandes incendios en Portugal

Más de 1.200 bombeiros combaten tres grandes incendios en Portugal

O país conta tamén con preto dun cento de municipios en risco máximo de incendio

Xa hai máis de 370.000 hectáreas calcinadas polos incendios en diferentes países europeos

Europa Press/Contacto/Diogo Baptista
G24.gal 12/08/2025 13:11 Última actualización 12/08/2025 16:36

Portugal rexistra este martes tres incendios activos de grandes dimensións que mobilizaron a máis de 1.200 efectivos e dous avións Canadair nunha xornada máis na que o país rexistra altas temperaturas.

Unha fonte da Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil (ANEPC) portuguesa explicou en declaracións a EFE que estes incendios están situados en Siraelhos (unha aldea no distrito de Vila Real), en Trancoso (distrito de Garda) e Tabuaço (distrito de Viseu).

É no incendio de Trancoso, que mobilizou máis de 500 efectivos e 193 medios terrestres, onde están a operar os avións Canadair enviados por Marrocos despois de que Portugal activase o mecanismo de cooperación bilateral en materia de protección civil. A mesma fonte engadiu que non se rexistraron máis feridos nas últimas horas (o luns rozaban os 20 feridos leves) e que non hai vivendas en risco.

Aínda así, preocupan as condicións meteorolóxicas previstas para as próximas horas, que alertan de temperaturas elevadas para practicamente todo o territorio luso. "Isto dificúltanos un pouco máis a actuación, pero todo o plan estratéxico definido está en curso e agora espérase o seu desenvolvemento", afirmou a fonte.

Outro incendio que estaba activo e que era considerado "significativo" este luns en Covilhã (distrito de Castelo Branco) foi dado por dominado na mañá de hoxe, malia que aínda ten no terreo máis de 400 efectivos e 150 medios terrestres. En total, esta xornada hai 37 incendios rurais notificados, que mobilizaron a máis de 2.000 axentes, 600 vehículos e 24 medios aéreos.

Segundo datos do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera (IPMA), hai preto dun centenar de municipios que se atopan este martes en risco máximo de incendio en Portugal, varios deles fronteirizos con Galicia, Castela e León e Estremadura. Ademais, preto de 50 municipios atópanse en risco "moi elevado" de incendio.

Portugal arrastra varios días de altas temperaturas e incendios, o que levou ao Goberno de Portugal a declarar o estado de alerta ata o mércores 13 de agosto. 

Xa hai máis de 370.000 hectáreas calcinadas polos incendios en diferentes países

Dende Portugal ata os Balcáns, a onda de calor que azouta o sur de Europa está deixando temperaturas superiores aos corenta graos e importantes incendios cos que este martes loitan milleiros de bombeiros en diferentes países.

No sur de Francia un incendio xa devastou máis de 16.000 hectáreas, converténdose no máis destrutivo deste século nese país.

En Turquía os refachos de vento que acadaron os 66 km/h obrigaron a rescatar centos de residentes tanto por terra coma por mar.

O lume espallouse en rexións do mar Negro, Anatolia Oriental e Anatolia Central. Tamén na provincia mediterránea de Mersin. Alcanzou, incluso, un campus universitario, destruíndo casas e vehículos.

O risco xeral de incendios nese país mantense moi elevado debido á seca e á escaseza de chuvia nos últimos meses.

Albania tampouco se libra das lapas. O país despregou 800 axentes e tivo que pedir axuda exterior. Por exemplo, medios aéreos de Grecia para facer fronte a unha onda de incendios que asola ao país e xa arrasou con 34.000 hectáreas nun mes.

Tamén nos Balcáns hai importantes incendios activos en Montenegro. A rápida propagación das chamas obrigou aos veciños a actuar ata que chegaron os efectivos.

Segundo a Organización Metereolóxica Mundial, co cambio climático Europa enfróntase tamén a peor tempada de incendios en décadas. Máis de 350.000 hectáreas foron arrasadas polo lume ata este mes de agosto, o que duplica a superficie queimada o ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar