Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal aproba uns presupostos orientados a subir os soldos e conter os efectos da inflación

Portugal aproba uns presupostos orientados a subir os soldos e conter os efectos da inflación

Inclúe medidas dirixidas a alcanzar un aumento salarial medio do 5,1 %

Prevé que a inflación se sitúe no 4 % e o PIB creza un 1,3 %

G24.gal 25/11/2022 15:41 Última actualización 25/11/2022 15:56

A maioría absoluta do Partido Socialista de Portugal aprobou este venres o orzamento do Estado de 2023. O documento prevé que a inflación se sitúe no 4 % e o PIB creza un 1,3 % o próximo ano.

O primeiro ministro, António Costa, afirmou que este orzamento "responde ás necesidades do presente, buscando apoiar as familias e as empresas" nun momento "moi duro" coa "altísima inflación como consecuencia da guerra que Rusia desencadeou en Ucraína".

Está tamén "enfocado no futuro" para "manter a nosa traxectoria de crecemento sostible" para distribuír mellor a riqueza, reducir a débeda, converxer coa Unión Europea e consolidar as finanzas públicas, engadiu.

Principais medidas

O orzamento portugués para 2023 inclúe medidas dirixidas a alcanzar un aumento salarial medio do 5,1 %.

Na Administración pública aumentarase o salario base nun mínimo de 52 euros ao mes e mellorará o subsidio de alimentación.

Melloraranse as vantaxes fiscais a mozos, ampliaranse os apoios ás familias con nenos e as pensións actualizaranse entre o 3,53 % e o 4,43 %.

Os socialistas aprobaron durante a tramitación unha emenda que permite volver actualizar as pensións se a inflación supera a taxa prevista polo Executivo.

Sobre a vivenda, limitarase ao 2 % o aumento dos alugueiros e será obrigatorio para os bancos renegociar as hipotecas.

Para a enerxía, hai unha inxección de 3.000 millóns de euros nos sistemas de electricidade e gas para reducir os prezos.

Impulsarase o investimento privado con melloras do réxime fiscal que apoia estes desembolsos, un novo incentivo á capitalización das empresas e unha redución do imposto de sociedades para pemes.

O Goberno tributará os criptoactivos, o 28 % das plusvalías cun prazo inferior a un ano, aínda que os beneficiarios ou entidades residentes en paraísos fiscais ou países cos que Portugal non ten acordos de intercambio de información terán que pagar independentemente de cal sexa o prazo.

Tamén se aprobou unha redución do IVE ás bicicletas á taxa reducida (6 %), a aplicación da taxa de carbono aos jet privados e medidas para combater a pobreza menstrual.

Inflación do 4 %

O documento prevé que a inflación se sitúe no 4 % e o PIB creza un 1,3 % o próximo ano, impulsado polo investimento público.

A meta de déficit sitúase no 0,9 % do PIB e espérase reducir a débeda pública ata o 110,8 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade