Portugal alivia as restricións cos positivos diarios en aumento
O teletraballo deixa de ser obrigatorio
Mantense a máscara en interiores e a esixencia do pasaporte covid

Portugal remata as restricións aplicadas no que chamaron “período de contención” de despois das festas de Nadal. O teletraballo foi ata este venres obrigatorio, pero o país está cos contaxios á alza.
A partir de agora, o teletraballo é só unha recomendación, bares e discotecas xa poden reabrir despois de máis de 3 semanas sen actividade e elimínanse todas as restricións de cabida na hostalería, é dicir, só se mantén a obrigatoriedade da máscara en interiores e a necesidade de amosar o pasaporte covid ao entrar en restaurantes e hoteis.
A outra cara da moeda é que o país rexistrou nas últimas horas o seu récord de positivos diarios e non se descarta que volva pasar porque non se chegou ao pico da quinta onda en Portugal. Aínda que os hospitais resisten sen dificultade a atención primaria está totalmente desbordada como acontece por toda Europa.
Neste mes de xaneiro agárdase que se expidan máis baixas que en todo 2021 e actualmente hai medio millón de portugueses illados nas súas casas por contacto ou por ser positivo, é o 5 % da poboación. A esixencia de proba negativa para chegar por avión a Portugal mantense ata febreiro. Por estrada non se pide esa proba negativa.