Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portas abertas nos museos galegos, con actividades lúdicas ata o domingo

Portas abertas nos museos galegos, con actividades lúdicas ata o domingo

Salas de exposicións, galerías e pinacotecas de Galicia únense á celebración do día Internacional dos Museos cunha extensa programación

G24.gal 18/05/2022 14:48

Hoxe as visitas aos museos son de balde. Celébrase o seu día internacional, con actividades musicais, obradoiros e relatorios, que continuarán ata finais de semana, e que perseguen reivindicar o papel que teñen as salas de exposicións, as pinacotecas e as galerías de arte na conformación do pensamento crítico: son esenciais para saber de onde vimos, a onde imos, como nos expresamos, como nos afecta a nosa cultura ou a onde nos pode levar a nosa creatividade.

Máis de 37.000 museos en todo o mundo celebran hoxe o seu día internacional cunha xornada de portas abertas.

"Nunca tiven reticencia en entrar nun museo, sala de exposicións ou bibliotecas, porque son nosos", explica unha usuaria.

Os entusiastas dos museos sempre atopan neles un momento de asombro, unha idea, un eureka. Din que os museos son de todos e para todos, e que son imprescindibles para coñecernos a fondo.

Andrea, por exemplo, peregrina desde Alemaña, cre que coñecer unha cidade como Santiago é tamén coñecer a historia, coa experiencia directa dos sentidos, das formas e das texturas, que non é o mesmo que mirar en Internet.

"Estiven tamén no Museo da Catedral, e puiden ver por exemplo as teas. É unha experiencia moito máis emocional e creo que se pode imaxinar mellor se ves fisicamente algunhas cousas", di.

Estimular a imaxinación. É o gran poder dos museos, que hoxe se reivindica.  "O poder dos museos pensamos que é  seu público, a xente que se achega e nos apoia. É moito, porque somos os gardiáns do patrimonio e os que o poñemos en contactos coa sociedade", explica a directora do Museo das Peregrinacións, Esperancia Gigirey.

"Diferentes museos dependendo do que alberguen pois teñen un discurso contemporáneo e falan do que somos, ou do que son agora mesmo nos antípodas, ou como fomos. A min paréceme estupendo."

Non é cousa de alta cultura, nin de elites, pero como en case todo, é na infancia onde se aprende a apreciar todo o que os museos poden darnos. Hoxe, sen ir máis lonxe, un grupo de nenos no Museo Gaiás descubriron a intrahistoria do propio edificio, porque a maioría das veces a sabedoría dos museos impregna ata a súa propia construción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar