Por primeira vez poderase subir á muralla romana de Lugo por unha das súas escaleiras orixinais
Nestes momentos hai 25 escaleiras interiores xa á vista, pero ningunha transitable
Descubríronas a escasos metros do ascensor que tamén dá acceso ao monumento
As escaleiras interiores da muralla son as escaleiras polas que accedían os romanos ás torres da muralla. Estas son as de maior tamaño descubertas no monumento, consérvase cada chanzo e por primeira vez poderán usarse para subir ao adarve.
"Non só van ser visibles, senón tamén practicables, o usuario que o queira poderá acceder ao monumento por unha escaleira romana orixinal", explica Ignacio López de Rego, arquitecto do Plan director de conservación da muralla.
É a singularidade das escaleiras, o seu tamaño e localización ao lado do ascensor, o que fará posible poder usala de novo.
"Eu prefiro que se vexan e se podan usar", di unha muller, outro home asegura: "É unha parvada non poder usalas".
Esa non é a única escaleira descuberta nos últimos meses. Tamén escavaron outra xunto a Porta Miña.
"Nestas, nos seus chanzos vaise alternando o uso de lousa e granito", engade Ignacio López de Rego.
Xa se exhumaron 32 escaleiras interiores, destas quedaron expostas unhas 25. Crese que hai unha escaleira interior xunto a cada cubo. Foron construídas con materiais autóctonos como o granito e a lousa.
O plan de conservación tamén propón abrir ao público como puntos de información turística, os fielatos, os postos que hai xunto ás portas onde se cobraban os impostos.