Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón pídelle a Rueda asumir responsabilidades por encubrir un presunto agresor sexual

Pontón pídelle a Rueda asumir responsabilidades por encubrir un presunto agresor sexual

Reclama que compareza no Parlamento para explicar por que silenciou a denuncia contra o conselleiro do Mar durante meses

Repróchalle ao Goberno galego despedir a Alfonso Villares proclamando a súa inocencia mentres menosprezaban a vítima

Ana Pontón este sábado no Consello Nacional do BNG. EFE/Xoán Rey
G24.gal 07/06/2025 13:16 Última actualización 07/06/2025 14:41

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pediulle "responsabilidades políticas" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por encubrir un "presunto agresor sexual durante meses" ao manter no seu Goberno o que ata esta semana foi conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Na reunión do seu Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, iniciou a súa intervención con "palabras de apoio ás vítimas de violencia de xénero e, moi singularmente" á que denunciou o conselleiro de Pesca por unha suposta agresión sexual", en alusión á denunciante.

Afirmou que "non é doado dar ese paso" de denunciar "e moito menos" cando se trata dun conselleiro que é "amigo persoal do presidente da Xunta", que dimitiu esta semana, catro meses despois da presentación da denuncia.

Na súa opinión, o Goberno de Rueda protagonizou "un esperpento" ao arroupar "un presunto agresor sexual na toma de posesión da substituta de Villares, Marta Villar, "nun acto celebrado na sede do Goberno da Xunta que se usa para aquelas ocasións máis ilustres e protocolarias".

"Esta semana, soubemos que Rueda coñecía desde o mes de febreiro que o seu conselleiro de Pesca tiña unha denuncia nos xulgados por unha agresión sexual. Sabemos que calou durante meses. Estivo durante meses encubrindo un suposto agresor sexual", manifestou a voceira nacional do BNG.

Ao Goberno galego reprochoulle despedir a Villares "facéndolle todas as honras, entre abrazos e aplausos, proclamando a súa inocencia mentres ignoraban e menosprezaban a vítima", incluso "cuestionando a veracidade da súa denuncia".

Considera que o abrazo ao exconselleiro foi "un insulto a todas as vítimas de violencia machista e a todas as mulleres" de Galicia ás que se lles "manda unha mensaxe demoledora" porque, ante unha denuncia por agresión sexual, o presidente da Xunta "ponse do lado do presunto agresor e non da vítima".

"Esta semana Rueda escribiu unha das páxinas máis infames do Goberno do Partido Popular e mostrou o nivel de deterioración democrática e moral do seu Goberno como presidente", sostivo.

Por iso lle pediu que compareza de maneira inmediata no Parlamento de Galicia para dar explicacións sobre a súa actuación neste caso e o seu "silencio cómplice" e instouno a "desculparse coas mulleres" de Galicia e a "asumir responsabilidades políticas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade