O BNG cualifica de "contraditoria e caótica" a xestión da Xunta nos incendios
Ana Pontón esixe "transparencia" nos datos sobre la superficie afectada porque, di a voceira nacional, as cifras coñecidas ata o de agora son “contraditorias”
A líder do BNG, Ana Pontón, cargou este xoves contra a “caótica” xestión que está a facer a Xunta da vaga de incendios e esixiu “transparencia” nos datos sobre a superficie afectada ao denunciar que as cifras coñecidas ata o de agora son “contraditorias”.
A nacionalista, en declaracións aos medios no concello ourensán de Vilar de Barrio, subiu o ton das súas críticas á actuación do Executivo galego e subliñou que é “evidente que o señor (Alfonso) Rueda ten que dar moitas explicacións e que debe comparecer no Parlamento para dar resposta” a todas as dúbidas xurdidas sobre as decisións da Xunta.
Pontón denunciou as “decisións contraditorias e caóticas” adoptadas desde a administración galega que, ao longo destas xornadas, evidenciou ser un “Goberno desbordado que actuou con improvisación, que non foi capaz de anticiparse e que ademais está a tomar decisións contraditorias”.
Neste sentido tachou de “inconcibible” que a Xunta decidise desactivar o apoio que os consorcios provinciais de bombeiros estaban a prestar nos incendios de Ourense para despois solicitalos para outras tarefas.
“Eu pregunto, señor Rueda, como é posible que se manden para casa os bombeiros de Lugo e da Coruña cando seguen activos moitos incendios? como é posible e que explicación ten o señor Rueda de que pola mañá nos diga que faltan medios e pola tarde prescinda de medios que son necesarios para loitar contra os incendios?”, cuestionou Pontón.
A nacionalista avanzou que esixirá explicacións sobre os días que os medios de extinción permaneceron paralizados por falta de efectivos así como datos fidedignos sobre a superficie queimada. Pediulle ao presidente da Xunta que ofreza estas explicacións “canto antes” dado que "resulta evidente que non estivo a altura" do que Galicia necesitaba "nesta crise que estamos a vivir aínda cos incendios forestais".
Así mesmo, Pontón pediu un plan de axudas inmediatas para os veciños afectados e tamén para os concellos. Tamén pediu tomar medidas preventivas ante a previsión de choivas nos próximos días e que podería derivar en “unha catástrofe co arrastre das cinzas aos ríos”.
Ao tempo, volveu propoñer un cambio radical nas políticas de xestión do monte tras anos de desatención ao rural, insistiu Pontón, que subliñou que nos incendios “hai responsabilidades políticas, non só pola incompetencia agora” senón tamén porque a Xunta “nestes últimos 16 anos non tomou as medidas necesarias".