Polonia recibiu xa un millón de persoas que fuxiron da guerra
Máis dun millón e medio de civís abandonaron Ucraína dende o inicio da invasión
Romanía e Moldova, dos países máis pobres de Europa, mobilízanse polos refuxiados
Estamos ante a crise de refuxiados de crecemento máis rápido dende a Segunda Guerra Mundial. É un dato que achega a ONU. E é que a cifra de ucraínos que abandonaron o seu país supera xa o millón e medio
Svetlana ten 28 anos. Fuxiu de Kremenchuk, unha cidade industrial de Ucraína. Este domingo estaba nun dos pasos fronteirizos polacos máis concorridos, en Medika. Conta que foron 25 horas de traxecto e que foi moi duro abandonar o país e parte da súa familia, incluído o seu home. Di que agora se sente máis segura, pero tamén máis triste, porque o seu corazón quedou en Ucraína.
Cambian os nomes e as caras pero as historias que contan son moi semellantes. Familias separadas pola guerra e outras, máis afortunadas, que se reencontran nalgún punto da fronteira entre Ucraína e os países veciños.
Polonia xa recibiu case un millón de refuxiados, do máis de millón e medio que causou o ataque ruso. Só o sábado chegaron 129.000 persoas.
Esta parella conta que hai moita tensión na fronteira, moitos atascos, hai algunhas persoas moi agresivas e os ucraínos, din, comezan a ameazarse entre eles.
De Przemysl saíron varios autobuses con destino a outras cidades de Polonia e tamén a outros países de Europa. Nun hotel, no centro de Polonia, atoparon refuxio nenos orfos que viron como os orfanatos onde vivían desapareceron baixo as bombas rusas. A coidadora conta que os cativos teñen medo, que preguntan cando acabará todo, pero di: "Non temos respostas para eles, non sabemos que pasará mañá".
Romanía e Moldova, dous dos países máis pobres de Europa, aparcaron os seus problemas e mobilizáronse polos refuxiados. En Romanía entraron algo máis de 200.000 ucraínos pero só permanecen algo menos da metade. Moldova, segundo datos do seu goberno, recibiu catro refuxiados por cada cen habitantes. Os Estados Unidos comprometéronse a enviar axuda para que estes países poidan facerlle fronte a unha crise humanitaria sen precedentes na historia recente de Europa.