Polo menos catro mortos ao esnafrase un helicóptero da misión de paz da UE en Bosnia
A EUFOR, a misión de paz da UE en Bosnia-Herzegovina, confirmou o sinistro e que o aparello é do Exército de Italia
No helicóptero viaxaban 15 persoas
Reuters
A misión de paz da UE en Bosnia-Herzegovina, EUFOR, confirmou este xoves que varios dos seus membros morreron ao estrelarse o helicóptero italiano en que viaxaban, aínda que non precisou o número de vítimas, que os medios locais cifran en polo menos catro mortos.
"EUFOR pode confirmar que no accidente ocorrido en Brcko estrelouse un CH-47 Chinook italiano de EUFOR. Como resultado deste accidente, varios membros do persoal de EUFOR perderon traxicamente a vida e outros resultaron gravemente feridos", sinala a misión nun comunicado.
A televisión pública de Bosnia, Federalna, informou de que polo menos tres persoas morreron no accidente do helicóptero, no que viaxaban quince integrantes da Forza Operativa Rápida Europea (EUFOR). Posteriormente, o portal informativo Klix.ba sinalou que un dos feridos falecera, elevando a catro o número de vítimas mortais.
No seu comunicado, EUFOR sinala que os servizos de emerxencia están despregados na zona e que se iniciou unha investigación exhaustiva sobre o accidente. Testemuñas presenciais relataron que viron como o helicóptero comezou a virar no aire antes de estrelarse. O Ministerio italiano de Defensa confirmou que o helicóptero pertence ao seu Exército.
A EUFOR, tamén coñecida como Operación Althea, púxose en marcha en 2004, cando relevou á forza de Estabilización (SFOR), liderada pola OTAN. A súa misión é garantir o Acordo de Paz de Dayton de 1995, que puxo fin á guerra de Bosnia, e contribuír á seguridade e estabilidade do país, así como asistir e adestrar ás Forzas Armadas bosníacas.
Dous pilotos españois e dous oficiais alemáns da misión da UE en Bosnia-Herzegovina (EUFOR) morreron en xuño de 2008 no accidente dun helicóptero militar destinado nese país balcánico.