A Fiscalía actuará cando as comunidades se neguen a acoller menores migrantes
Os profesionais que os acompañan poderán pedirlles axuda ás forzas e corpos de seguridade do Estado para facer a entrega

Se as comunidades se negan a acoller un menor migrante non acompañado recolocado desde outro territorio, os profesionais que o acompañan poderán pedirlles axuda ás forzas e corpos de seguridade do Estado, que darán conta á Fiscalía para entregalo á entidade de destino.
Así o recolle o decreto de desenvolvemento do mecanismo para a recolocación de menores migrantes non acompañados que o Goberno prevé aprobar o vindeiro martes, 22 de xullo, no Consello de Ministros, segundo informan a EFE fontes do Ministerio de Mocidade e Infancia.
Este extremo xa estaba recollido no borrador do decreto, que foi sometido a audiencia pública e que non sufriu cambios substanciais desde entón, confirmaron as mesmas fontes.
É a segunda norma que o Goberno dita sobre esta cuestión, despois de aprobar o 18 de marzo o real decreto lei que modificou a lei de estranxeiría para crear este mecanismo e tratar de responder á situación crítica que viven algunhas comunidades.
É o caso das Canarias, que atende uns 5.500 menores que chegaron sós ás illas.
Este novo modelo, que por primeira vez establece a obrigatoriedade de que as comunidades se fagan cargo no seu conxunto dos menores que chegan a zonas como as Canarias, Ceuta ou Melilla, espertou un gran rexeitamento.
De feito, dez gobernadas polo PP e Castela-A Mancha (PSOE) recorreron ao Tribunal Constitucional contra o real decreto lei ao consideralo "ilegal" e que invade competencias autonómicas, malia precisaren nalgunha ocasión que, chegado o momento, atenderán os menores que reciban.
O "colofón" –en palabras da ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego– desta oposición foi o "plantón" que todas as comunidades do PP —menos Ceuta e as Canarias, onde cogoberna— lle deron ao Goberno na Conferencia Sectorial que debía celebrarse o xoves pasado sobre este asunto e que finalmente non tivo lugar por falta de quórum.
O protocolo para os traslados
O real decreto establece o protocolo para os traslados destes menores, que o executivo prevé comezar a partir do 28 de agosto. A proposta de traslado comunicarase ao Ministerio Fiscal e pedirase informe no caso de que non queira ser recolocado.
Dita que a comunidade de orixe será a responsable dos traslados, financiados polo Estado mediante o fondo previsto no real decreto lei aprobado o 18 de marzo, dotado con 100 millóns de euros.
Profesionais da entidade pública de orixe encargaranse do trámite e deberán intercambiar información co persoal de destino sobre a situación de cada menor. No caso de negárense ao acollemento, poden pedir axuda á Policía que dará conta ao Ministerio Fiscal para facer a entrega.
Ademais, establece que, se o menor non ten autorización de residencia en España, deberá tramitarse, con carácter preferente, pola Subdelegación do Goberno correspondente antes do traslado.
Sobre o papel das forzas de seguridade neste proceso, as fontes ministeriais aclaran que os detalles terán que desenvolverse en grupos de traballo que se constituirán proximamente co fin de concretar a lexislación.
Prazo dun ano
Para os traslados dos preto de 3.000 menores que deben saír dos sistemas de acollida das Canarias, Ceuta e Melilla para aliviar os seus recursos de atención á infancia, o Goberno marcou o prazo dun ano.