Polémica no Carril pola cancelación da procesión marítima do Carme
O barco que tiña que levar a Virxe do Carme non se presentou no porto
Socios e a vicepatroa da confraría apuntan ao patrón maior como responsable
O Carril amañecía hoxe tranquilo. Os mariscadores e mariscadoras facendo o seu traballo. Todo moi diferente do que pasaba onte, día do Carme.
Isto dicía a vicepatroa da confraría do Carril: “Á xente de Carril, á xente que veu visitar a nosa Virxe, á xente que lle facía motísima ilusión ver a Virxe polo mar, pois quedamos con iso, cunha ilusión”.
Para outros socios da confraría, o máis grave de todo é a falta de respecto a todos os mariñeiros, que non merecen que os problemas dentro da confraría afecten o día do Carme.
Os veciños non teñen moi claro que puido pasar, pero apuntan tamén aos conflitos internos na confraría Santiago Apóstolo como motivo principal.
Esas disputas parecen estar detrás da cancelación da procesión marítima porque non apareceu o barco que debía levar a Virxe, segundo comentan socios da confraría e a propia vicepatroa, que asegura que o patrón dese barco recibiu unha chamada de Xosé Luís Villanueva informándolle de que se cancelara o seguro e que non podía saír coa Virxe.
Todas estas leas deixaron un pobo mariñeiro coma o do Carril sen sacar a súa patroa polo mar. Todos os veciños esperan poder ver de novo a procesión marítima o ano que vén.