Polémica en Outeiro de Rei por incluír publicidade dun prostíbulo nun cartel das festas
Trátase dun club de alterne que estivera implicado na operación Carioca como un dos principais puntos de explotación sexual de mulleres
A polémica está servida en Outeiro de Rei. No cartel das festas de Santo Antón, na parroquia de San Martiño de Guillar, figura un local de alterne vencellado á operación Carioca. E ademais non un calquera, senón o que fora un dos principais epicentros da rede de prostíbulos onde se sometían a explotación sexual centos de mulleres. A inclusión desta publicidade suscitou as queixas veciñais por considerala inapropiada.
Tocante a esta controversia, os ramistas limitáronse a sinalar que os máis de 70 anunciantes que figuran no cartel son negocios legais. Pola súa parte, entre a veciñanza hai opinións encontradas sobre o feito de que aceptasen cartos procedentes da prostitución para financiar as festas.
Esta non é a primeira vez que o mesmo club de alterne suscita a polémica por anunciarse en espazos de Outeiro de Rei considerados inapropiados. En 2018, o mesmo prostíbulo colocara un valo publicitario no campo de fútbol municipal, que acabou por ser retirado ante as críticas xeradas.