Publicador de contidos

Publicador de contidos

Podemos permite co seu voto a validación do decreto de embargo a Israel

Podemos permite co seu voto a validación do decreto de embargo a Israel

"Podemos vai seguir esixindo un embargo real de armas e a ruptura de todas as relacións con Israel", asegura Ione Belarra

Os nove barcos doutra flotilla que navegaba a Gaza, interceptados por Israel

Finalmente tamén se abstiveron na votación da Lei de Mobilidade Sostible, que foi aprobada

(EFE/Chema Moya) (EFE/Chema Moya)
G24.gal 08/10/2025 13:04 Última actualización 08/10/2025 13:50

Podemos votou finalmente a favor da validación do decreto de embargo de armas a Israel este mércores no pleno do Congreso, polo que a norma saiu adiante, a pesar de manter unha postura moi crítica e chegalo a cualificar mesmo de texto "fake". 

O decreto lei foi validado cos votos a favor de todos os deputados excepto os do PP e Vox, que votaron en contra, e o de UPN, que se abstivo.

Ademais, noutra votación saíu adiante a tramitación parlamentaria do decreto lei como proxecto de lei polo procedemento de urxencia, o que dá a posibilidade de introducir cambios no seu articulado, como reclamaban os socios de goberno.

En concreto, o decreto lei foi validado co voto de 178 deputados de PSOE, Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, Podemos, Compromís, Coalición Canaria e o BNG, mentres que o PP e Vox pronunciáronse en contra (169 votos) e UPN abstívose.

Os catro deputados de Podemos foron determinantes, pois o seu voto en contra podería provocar a derrogación do decreto lei. A formación violeta estivo días negando o seu apoio e esixindo a retirada da norma, pero este mércores pola mañá deron un 'volantazo' anunciando o voto a favor.

Seguirán coas esixencias

Nun chío publicado na rede social X, a secretaria xeral da formación morada, Ione Belarra, asegurara que "Podemos vai seguir esixindo un embargo real de armas e a ruptura de todas as relacións con Israel".

"Este xenocidio vaino parar a xente decente", di Belarra.

O voto de Podemos, que ata o de agora seguía sendo unha incógnita, era clave para que o decreto lei fose validado e bastaba cunha abstención dos catro deputados morados, pero finalmente optaron por votar a favor despois de que fontes do Goberno sinalasen que houbo negociacións entre ambas as partes.

Belarra insistiu en que este decreto lei é "un embargo fake que non acaba coas dúas principais contribucións de España ao xenocidio en Palestina: por unha banda, a compravenda de armas, e por outro, o tránsito de material militar con destino a Israel".

Ademais, acusou o PSOE de insistir en forzar a votación este mércores no Congreso.

Pero xustificou o visto e prace á validación ao sinalar que Podemos "non será a escusa do PSOE para non facer nada e para seguir mantendo as relacións militares con Israel"

Aprobada a Lei de Mobilidade Sostible

Podemos decidiu finalmente absterse tamén na votación do proxecto de Lei de Mobilidade Sostible, polo que finalmente puido ser aprobada con 174 votos a favor e 170 en contra. Foi posible grazas a un acordo de última hora dos deputados da formación morada co Ministerio de Transportes, logo de que estivese no aire o seu posible voto en contra.

Podemos viña ameazando con votar en contra do proxecto se o Goberno non paralizaba as ampliacións do Porto de Valencia e o aeroporto do Prat.

"Para que Podemos hoxe non tombe unha lei insuficiente esixímoslles aquí e agora un compromiso claro, e claro é por escrito, de que non haberá ampliación do aeroporto do Prat", dixo o seu portavoz no Congreso, Javier Sánchez Serna, durante o debate da proposta este mércores.

E ben entrada a tarde o Ministerio de Transportes de Óscar Puente emitiu un comunicado no que se compromete a someter ao proxecto a un proceso "especialmente intenso" de información pública e consultas cos diferentes organismos e administracións territoriais para favorecer a participación e a transparencia.

Fontes de Podemos apuntaron que na práctica acordouse paralizar as obras da ampliación polo menos ata 2031. Así mesmo, o pacto recolle que a ampliación do Prat non se incluirá no DORA III, o documento regulatorio que planifica as infraestruturas aeroportuarias para o período 2026-2031.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade