Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso aproba a lei de vivenda que pon topes ao prezo do alugueiro

O Congreso aproba a lei de vivenda que pon topes ao prezo do alugueiro

A norma sae adiante co apoio de ERC e Bildu mentres Fejióo acusa ao Goberno de claudicar ante os independentistas

O PP, Cs e Vox consideran que vulnera o dereito á propiedade privada e ampara a ocupación ilegal de pisos

O PNV abre a porta a un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias

G24.gal 27/04/2023 08:11 Última actualización 27/04/2023 19:08

O pleno do Congreso deu luz verde este xoves ao proxecto de Lei polo dereito á vivenda que permitirá poñer topes aos prezos do alugueiro en zonas tensionadas, tras un debate en que o Goberno defendeu que esta norma supón o quinto piar do Estado do benestar e un avance social sen precedentes.

A primeira lei de vivenda da democracia saíu adiante grazas aos 176 votos dos socios de Goberno máis Esquerra e Bildu. Oskar Matute, voceiro do partido vasco, admitía que "é un paso curto para o que nos gustaría facer, pero é un paso necesario".

A negociación rompeu o bloque da investidura. O PNV sorprendeu cambiando a última hora a anunciada abstención polo non. O seu voceiro, Aitor Esteban, preguntábase: "se isto non é invasión competencial, que é?".

No Goberno, PSOE e Unidas Podemos sacaban peito. A ministra de Axenda Urbana, Raquel Sánchez, salientaba que "é a primeira lei estatal neste período que desenvolve o dereito constitucional a unha vivenda digna e adecuada".

Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais, cre que "hoxe perde a banca, perden os voitres, perden os fondos de investimento e gaña a xente".

O PP cre que a lei vai en dirección contraria ao que necesitan os españois. O seu líder, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "supón a claudicación do Partido Socialista a favor do populismo e o independentismo, supón intervención nos prezos e supón facilitar a ocupación".

E o presidente do Goberno sostén que se poñen os cimentos para que a vivenda deixe de ser un ben de luxo. Pedro Sánchez sostén que "estamos deixando atrás definitivamente a lei do solo de 1998 e o modelo neoliberal que trouxo especulación, corrupción e moita dor social".

A lei pasará agora polo Senado, antes de volver ao Congreso para a súa aprobación definitiva a mediados de maio.

Sánchez: "a vivenda deixará de ser un luxo"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou que o proxecto de Lei polo Dereito á Vivenda suporá un cambio de paradigma que convertirá nun ben de primeira necesidade o que agora é un "ben de luxo", especialmente para os mozos.

Sánchez agradeceulle aos grupos parlamentarios que deran o seu apoio ao proxecto, que supón "un dos principais fitos da lexislatura e da democracia" posto que España "leva máis de 40 anos sen unha lei estatal de vivenda que puxera os instrumentos" para resolver un dos principais problemas dos cidadáns.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade